Paraguay Resiste presentará recurso de apelación
Resolución a favor da deportación do xoven de orixe paraguaia Daniel Vera
O Xulgado Contencioso- Administrativo nº 2 de Santiago de Compostela emitiu resolución contraria a Daniel Vera (xoven de 19 anos de nacionalidade paraguaia, con máis de 14 de residencia en Compostela).
A asociación Paraguay Resiste presentara recurso contencioso-administrativo contra a súa expulsión express realizada o pasado 26 de novembro.
O Foro Galego de Inmigración manifesta a súa incomprensión ante a mesma xa que se limita a incidir nos argumentos da Administración sen resolver de forma axeitada o tema fundamental do Recurso: a posibilidade inicial de establecer unha sanción económica en vez do incoamento do procedemento de expulsión, en base ao arraigo que este rapaz tiña na nosa cidade.
"Alegar que o feito de non ter un domicilio fixo é un motivo para xustificar o non arraigamento do rapaz (empadroado en Compostela dende os 5 anos) supón considerar que as persoas en situación de pobreza e exclusión social sen domicilio fixo son susceptibles de menos dereitos que o resto de cidad@s (esa situación explica tamén que lle resultara imposible na práctica presentar unha solicitude de arraigo, que esixe un contrato laboral dun ano de duración e a xornada completa)".
Según o Foro "O mesmo sucede na consideración que os “entornos delincuenciais” xustifican unha actuación tan tremenda como a que se fixo contra este rapaz, que recordamos a continuación: “Danny de 19 anos, vivía coa súa nai en Santiago de Compostela dende hai máis de 14 anos. Algúns deles baixo a garda da propia Xunta de Galicia. Unha vez perdida a súa condición de menor gardado non conseguíu (como tantas outras persoas) unha oferta de traballo para poder regularizar a súa situación. Tivo un procedemento de expulsión que a Policia converteu en Resolución firme para executar de forma inmediata: foi detido o martes 22 de novembro de 2016 e expulsado o sábado 26 de novembro, pese a todos os intentos realizados por evitar esa terrible inxustiza. Non tiña familia significativa para él algunha alí. A súa familia, nai e irmán pequeno (naceu aquí en Compostela) residen aquí dende hai eses mesmos 14 anos. “
A Asociación PARAGUAY RESISTE ven de comunicar a súa intención de presentar o Recurso de Apelación diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.