Comunicado de S.O.S. Racismo Galicia
SOS Racismo Galicia insta á Xunta de Galicia a traballar por unha educación inclusiva real e efectiva
Durante as últimas semanas, temos asistido á aparición de diversas noticias e artigos de opinión sobre a decisión dun centro educativo da Mariña Lucense de suprimir a posibilidade de que o alumnado puidese optar por un prato alternativo cando no menú figurase un prato a base de carne porcina.
Vanessa Míguez (Presidenta) e Zorahaida Casales (Coordinadora de Proxectos)
No decreto 132/2013, polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios dependentes da consellería con competencias en materia de educación, recolle de xeito textual que “(…) o comedor escolar configúrase como un recurso educativo de carácter complementario, compensatorio e social, especialmente destinado a garantir a efectividade da educación básica obrigatoria dentro dos principios da igualdade e a solidariedade (…) o comedor escolar nestes intres vai mas alá, xa que alcanza novas virtualidades derivadas da sua condición de importante instrumento para a conciliación da vida laboral e familiar”. Cando se fala dos principios de igualdade, entendemos que é a igualdade de dereitos dentro da diversidade. É preciso que a sociedade e as administracións se conciencien de que a cidadanía é diversa, incluso no ámbito que nos ocupa falamos da presenza cada vez maior de diferentes visións da educación alimentaria, coma poden ser o vexetarianismo, ou aquela ligada a crenzas de non comer carne de porco ou comer só carne “halal”. Os servizos públicos deben ser de todas e para todas.
Apelamos, pois, á Xunta de Galicia, así como a todas as participantes da comunidade educativa (Consellos Escolares, equipos docentes, ANPAS e alumnado) ao diálogo para atopar unha solución consensuada que resulte satisfactoria para todos e todas, onde prime a garantía dunha alimentación saudable e de calidade para os e as menores, o respecto polos dereitos de todas as persoas e a efectiva posta en práctica de valores educativos que promovan a igualdade e a diversidade.
Por último, dende SOS RACISMO Galicia queremos denunciar o tratamento que, en xeral, ten dado a prensa a este caso, poñendo de manifesto como os propios medios poden contribuír a xerar na sociedade a percepción de atopármonos ante supostos “conflitos culturais” ou “relixiosos” en situacións que, en realidade, poden ser doutro tipo, como parece ser este caso, onde a Consellería de Educación decidiu, unilateralmente, suprimir a posibilidade de optar por un prato alternativo para os nenos e nenas usuarias do comedor escolar, sendo máis ben unha cuestión asociada á austeridade imposta dende as institucións, e que ten como consecuencia a deficiente calidade da alimentación ofertada polas empresas encargadas da xestión dos comedores, privándolle ao alumnado o dereito a recibir unha alimentación sa e de calidade.