Acampa pola paz e o dereito a refuxio
O vandalismo cébase sobre a exposición fotográfica "A vida negada"
“Nestes anos, en todas as nosas propostas concienciadoras, a cidadanía coruñesa deunos exemplos máis que sobrados sobre o seu compromiso cívico e o seu interese por reflexionar ao redor dos Dereitos Humanos e o Dereito a Refuxio, sinalan desde o Movemento Acampa. Por iso resulta máis triste se cabe comprobar como a intolerancia ou a irresponsabilidade duns poucos, no medio da noite, furta aos coruñeses do seu dereito a estar informados e a asomar ao traballo de fotoperiodistas internacionais que nos achegan mundos nos que os dereitos están conculcados.
A Coruña, 20 de setembro de 2021.- O vandalismo está a cebarse, noite si, noite tamén, coa exposición fotográfica “A vida Negada” que a Rede Acampa despregou nos Xardíns de Méndez Núñez no marco do seu V Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio. Na última semana roubaron varias lonas con imaxes a gran formato, danado ou desprendido outras e mesmo dobrado os resistentes valos metálicos que lle dan soporte. “É bastante desolador”, confesan desde o Movemento Acampa, porque o que nace para convidar á cidadanía a reflexionar sobre os gravísimos efectos do saqueo de recursos nas comunidades locais de distintos puntos do planeta acaba, inesperadamente, facéndonos reflexionar sobre a sociedade máis próxima, sobre eses poucos que, aproveitando a noite, cren que é unha valentía levar unha fotografía para casa ou que reafirman o seu liderado desprendendo varias ou dobrando os seus soportes.
Desde o Movemento Acampa pola Paz insisten en defender e agradecer o comportamento cívico dos coruñeses. “Ao longo destes últimos anos, a cidadanía coruñesa deunos exemplos máis que sobrados sobre o seu compromiso e o seu interese por reflexionar ao redor das nosas propostas, participando en cada un dos cinco Encontros Internacionais que tivemos. Desde o ano pasado, forzados pola COVID-19, as exposicións fotográficas saíron das salas de exposicións e tomaron a rúa, unha fórmula ademais que garante que miles de coruñeses poidan gozalas, poidan reflexionar, durante o seu paseo polo centro. “Gústanos abrir esas xanelas, neste caso aos espazos de espolio, e interpelar á cidadanía”. Sabemos, engaden desde a Rede Acampa, que “o vandalismo non é responsabilidade máis que do que o practica, pero sen dúbida minimízase se os que camiñan ao carón desa persoa, con cuxa acción non están de acordo, teñen a valentía de cuestionarlle, de afearlle a conduta”.
A Rede Acampa pola Paz é unha organización sen ánimo de lucro que na actualidade integra a perto de 70 organizacións, asociacións, oenegués que traballan no ámbito social, así como a partidos políticos, entidades de todo tipo e particulares sensibles á necesidade de defender os Dereitos Humanos e o Dereito a Refuxio. Organizar cada ano o Encontro Internacional no que se enmarca esta proposta expositiva supón moitas horas e moito esforzo de traballo voluntario, desinteresado. Por iso é aínda máis doloroso comprobar que esa proposta, asentada no centro da cidade, nun dos xardíns sen dúbida con máis vixilancia por cámaras de toda a cidade, é danada unha e outra vez.
Acampa confía en que estes ataques deixen de suceder para evitar ter que retirar antes de tempo as exposicións dos fotoxornalistas Judith Prat, Javier Corso, Xosé Abad, Akinlunde Akinlenye, Luís de Vega, Victor Moriyama e Pablo Piovano, pois tiñan previsto manterse ata o día 10 de outubro. “O que é inviable é estar todas as mañás arranxando as desfeitas, substituíndo valos ou copiando lonas desaparecidas ou ter que pagar vixiancia nocturna”, conclúen.