Parque da Agra, xa!
A Agra do Orzán reivindica un parque: manifestación o 7 de novembro
A Asociación de Veciños da Agra do Orzán vén de informar da súa próxima manifestación, programada para o xoves 7 de novembro, ás 19:00 horas, que sairá desde a Praza das Cunchiñas. O obxectivo desta mobilización é reivindicar un parque para o barrio, unha demanda que leva 50 anos sen ser atendida polos distintos gobernos municipais.
Desde a creación do barrio, os diferentes gobernos decidiron que a Agra do Orzán non necesitaba zonas verdes, o que se traduce na idea de que a calidade de vida dos seus habitantes é algo secundario. Esta situación non só afecta a saúde física e mental da poboación, senón que tamén reflicte un modelo de desenvolvemento urbano onde os intereses económicos de especuladores priman sobre as necesidades dos veciños.
“Ata cando imos seguir soportando que pasen de nós?” pregunta un portavoz da asociación, que critica a falta de atención á creación de espazos verdes. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), a recomendación é que cada habitante dispón de entre 10 e 15 metros cadrados de zona verde. Para a poboación da Agra do Orzán, isto significaría a necesidade de máis de 300.000 metros cadrados de espazos naturais. Na actualidade, o Concello da Coruña apenas ofrece un decímetro cadrado por habitante, un espacio ridículo que é insuficiente mesmo para compartir coas persoas que visitan o barrio.
“Reivindicamos desde hai 50 anos apenas 0,5 metros cadrados por habitante, é dicir, medio metro cadrado por habitante. Esta é a realidade e de todas e todos nós depende mudala”, subliñan desde a asociación.
Conscientes da importancia de sumar voces e forzas, a asociación invita a todos os veciños e veciñas a unirse a esta loita. “Seguiremos baixando á praza de María Pita todos os primeiros xoves de mes e necesitamos ser multitude. Alí vos agardamos, pois a loita continúa”, conclúen, animando á participación na manifestación do 7 de novembro, un paso máis na busca de xustiza ambiental e social para a Agra do Orzán.