Asociación Veciñal Agra
As Sopa de Pedra chegan ao festival "Pétalos de Igualdade. Flor de Vida"
O festival "Pétalos de Igualdade. Flor de Vida" ofrecerá nesta edición un concerto do grupo musical portugués Sopa de Pedra. Composto por dez mulleres (Teresa e Inês Campos, Rita Costa, Inês Loubet, Maria e Benedita Vasquez, Inês Melo, Sara Yasmine, Rita Sá e Mariana Gil), Sopa de Pedra é un conxunto de investigación musical que canta esencialmente a capella.
Mediante arranxos polifónicos de música tradicional portuguesa, as Sopa de Pedra exploran a riqueza do legado tradicional, achegándoo ao contexto da música do mundo actual. Tal como no conto popular que lles dá nome, Sopa de Pedra preséntase en diferentes formatos: a creación musical comeza cunha base simple (unha pedra, unha tradición, un cantar) que ao longo do tempo vai madurando no seo do grupo. Co tempo, a melodía vaise desdobrando en varias voces, gañando múltiples facetas até conxugarse nunha harmonía viva que se reinventa cada vez que se canta ou que se xunta un novo amigo.
O repertorio do grupo inclúe música de transmisión oral, desde cantos mirandeses de Trás-os-Montes, baladas açorianas, cantigas de adufeiras da Beira Baixa, o canto alentejano, até pezas de Zeca Afonso, Amelia Muge, José Mário Branco, João Loio, Almanaque e GAC.
Este concerto, como todas as actividades de "Agra no Ágora", será de acceso libre e gratuíto. O programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.
O evento está dirixido ao público xeral e terá lugar o sábado 27 de xullo de 2024 ás 19:30h no Auditorio do Centro Sociocultural Ágora, situado no Lugar Agramela 17, 15010 A Coruña. A entrada é de balde e non se precisa reserva previa nin retirar billete de entrada.
Organiza a Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán "Agra".