Mobilidade

Bancos que disuaden condutores vs. bancos para sentarse

O Concello substitúe un banco de madeira en Vila de Negreira por bancos de pedra do mesmo modelo cos da Mariña.

Bancos que disuaden condutores vs. bancos para sentarse
Bancos en Vila de Negreira
Bancos de pedra en Vila de Negreira con Amor López.

Onde había un banco de madeira (con respaldo) hoxe hai cinco bancos de pedra (sen respaldo). Apenas uns días despois de ampliar beirarrúas e gañar espazo para os peóns no cruce de Vila de Negreira con José Amor López, os técnicos municipais comprobaron que o espazo gañado era en realidade territorio para os automóbiles. Dous meses de obras e a mobilidade na zona segue dependendo do que fagan os condutores.

Vila de Negreira renovada (9)

En resposta a Entre Nós, o Concello explica que “a substitución de bancos veu motivada por dous aspectos: na praciña recén gañada na intersección coa Rúa José Amor López, resultaba insuficiente o único banco colocado. Era necesario dispoñer máis superficie de asento”. E o segundo aspecto: “Dende a mesma xornada na que o espazo quedou aberto, constatouse a invasión das beirarrúas coma superficie de estacionamento de vehículos. Aparecía a necesidade de resolver este problema, antes de que os vehículos comezasen a danar o novo pavimento. O emprego dos bancos coma barreiras para a contención do aparcamento indebido foi o motivo do cambio de modelo destes en favor dunha solución máis robusta para o novo papel que agora se lles encomenda”.

Os veciños teñen máis bancos, é certo. Pero son máis incómodos. Instaláronse catro bancos de 2,50 metros e un quinto de 1,25 metros. Son os mesmos que os que se colocaron na Mariña para impedir accidentes no peirao (ver a imaxe de abaixo). Aquí, na Agra, teñen outra misión: que os condutores non aparquen nas beirarrúas.

Liña de bancos no peirao da Mariña


 

Bancos que disuaden condutores vs. bancos para sentarse