Mellorará a súa accesibilidade con beirarrúas máis anchas e contará con espazos verdes e de encontro para a veciñanza

O Concello acomete a reurbanización da rúa Páramo

As obras, que teñen un prazo de execución de catro meses e un orzamento de máis de 200.000 euros, tamén contemplan un incremento das dotacións públicas de subsolo, coa renovación e ampliación da rede de saneamento e recollida de pluviais

O Concello acomete a reurbanización da rúa Páramo
Xiao Varela
O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela

Concello da Coruña | 19/11/2017

A Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, dirixida por Xiao Varela, ten previsto iniciar esta semana as obras de reurbanización da rúa Páramo, unha actuación que parte dunha demanda histórica da veciñanza da zona, e que conta cun prazo de execución de catro meses e un orzamento de 203.401 euros. A intervención abrangue o treito de rúa situado entre o cruce con Vila de Negreira e a Rúa Barcelona. Nesta última intersección, ademais, os traballos servirán para renovar a totalidade da confluencia entre ambas vías coa rúa Canceliña. Como salienta o responsable municipal desta área, Xiao Varela, trátase dunha obra "de alto impacto, xa que non só mellorará de forma notable a accesibilidade da rúa, senón que ademais a mesma dotarase de espazo verde e de encontro entre a veciñanza". Ademais, procederase á ampliación e renovación da rede de saneamento, así como doutras canalizacións subterráneas.

"O goberno local ten a ambición de conseguir que todos os espazos da Coruña estean dotados de accesibilidade universal, unha eiva histórica de moitas das vías da cidade que imos corrixindo progresivamente. No caso da rúa Páramo, hoxe en día, as súas beirarrúas non acadan o ancho mínimo esixido. O que imos facer é darlle máis espazo ao peón, pensando ademais na veciñanza con mobilidade reducida. Coa intervención, as beirarrúas terán un ancho tipo de 1,50 metros, quedando unha calzada de 7 metros nos que se distribuirán dúas franxas de aparcamento en liña e un carril de circulación", comenta o concelleiro Varela.

Na liña das actuacións que está a desenvolver o goberno local, o pavimento das beirarrúas será de baldosa granallada con bordos de granito, mentres que a calzada se executará en formigón. A mellora da accesibilidade, non obstante, non só consistirá na ampliación das beirarrúas, senón que tamén se abordarán outros elementos, como o paso peonil. Neste, ampliarase aínda máis o ancho das beirarrúas de forma que se reduza o espazo de cruce e se mellora a visibilidade tanto de persoas condutoras como de viandantes. Ademais, no treito do cruce que discorre por calzada, o formigón do pavimento será de cor negra, para contar con máximo contraste cromático coa sinalización horizontal e que este poida ser advertido de forma sinxela, tamén por persoas con problemas de visión.

A intervención tamén abrangue a dotación de mobiliario urbano para a rúa, así como a ampliación de espazo verde, coa plantación de sete árbores en diferentes puntos da anchura correspondente á franxa de aparcamento.

Canalizacións

A obra tamén prevé actuar sobre as dotacións públicas subterráneas deste treito de rúa, coa ampliación dos servizos de subsolo. En concreto ampliarase a rede de saneamento, con tubos de 300 mm de diámetro, e procederase á renovación de conexións, arquetas e pozos. Por outro lado, renovaranse tamén as canalizacións de recollida de augas pluviais (que pasarán a ser separativas). A rede pasará tamén, con esta intervención, a recoller as baixantes que verquían sobre a beirarrúa, "dando solución desta forma a unha das incomodidades máis comúns das que advertía a veciñanza da zona", observa o responsable municipal. A recollida de augas transcorrerá polos laterais do carril de circulación, por unha canalización de formigón negro que, a súa vez, debuxará a liña de aparcamento. Por outro lado, tamén se executará unha rede de canalización municipal, que permitirá soterrar o alumeado público, tender a rede de datos e as reservas para necesidades futuras.

O Concello acomete a reurbanización da rúa Páramo