ÁREA DE ASUNTOS ESQUECIDOS (2) | A PROMESA DO PARQUE

"A alcaldesa non debería actuar como muller de palla de construtor algún"

A Asociación Veciñal da Agra do Orzán advirte nun comunicado que “continuará a reivindicar un parque e rexeitar calquera edificación no M22”.

"A alcaldesa non debería actuar como muller de palla de construtor algún"
dfd21
Parque do Observatorio. @EntreNós

“Ante as declaracións da alcaldesa e do concelleiro de Urbanismo após o pleno do pasado xoves, a Asociación Veciñal Agra chámaos a reflexionar e anímaos a traballar pola consecución dun parque no barrio da Agra empregando todos os medios de que dispón o Concello: O goberno municipal non debe responsabilizar á veciñanza e á oposición dar unha alternativa viable para a zona. Xa é hora de que utilicen a lexislación urbanística polo ben da maioría social; certamente, unha alcaldesa non debería actuar como directora de parque de atraccións nin como muller de palla de construtor ningún, presentando como parque o que non o é”, di a Asociación das veciñas da Agra do Orzán nunha nota de prensa remitida esta sábado aos medios na que constitúe a primeira resposta directa a Inés Rey e a Juan Villoslada, moi belixerantes coas veciñas desde que o pleno rexeitase o plan que o goberno municipal propón para o futuro parque do Observatorio.

As veciñas mantéñense na súa postura: a Agra merece un parque digno, aínda que haxa que compensar dalgún xeito aos propietarios de terreos na área do Observatorio que queren edificar, o Concello da Coruña debe facer o preciso para que eses terreos sexan de uso público, para o parque.

Mentres, malia a contundencia que onte e hoxe mostrou Inés Rey nas páxinas de La Voz de Galicia, e o propio Villoslada hoxe en La Opinión, co mesmo ton que utilizou o xoves no pleno tanto a Marea Atlántica como o BNG, socios na investidura da alcaldesa socialista, gardan silencio. Non discuten. Quizá por táctica electoralista, da que os acusou directamente Villoslada no salón municipal cando xustificaron o seu voto contrario ao plan, quizá pola necesaria prudencia diante da fenda que se abre entre o goberno e eles. Fenda na que se apresurou a furgar o PP, que hoxe mesmo, tamén na La Voz, se ofrece a un acordo cos socialistas. 

O urbanismo, o eixo sobre o que xira toda a política municipal nunha cidade como esta, gobernada polos intereses rendistas desde hai décadas, tiña que ser un foco de conflito. A fenda é unha diferencia ideolóxica sobre como se concibe o goberno dunha cidade, se debe recaer na maioría ou nunha minoría. Quen se sitúa en defensa dos intereses da minoría (PP, PSOE) recorre, claro, ao argumento da conciliación de intereses entre veciñanza e propietarios –utilizouno o portavoz popular o xoves–, unha falacia se se fala en serio democracia. Mais é o sentir común, a necesidade de conciliar con quen ostenta a propiedade. Por iso Villoslada pode dicir que non acepta unha “postura maximalisma de cero edificación” neste caso da Agra e seguir sentíndose lexítimo representante do “interese xeral”. Nesa encrucillada atópanse a Marea Atlántica e o BNG, que facer a partir de agora a respecto do apoio ao goberno de Inés Rey?, botar andar por un camiño que cuestione determinadas institucións que fan parte do sentir común?, avanzar?, cara onde?...

Certo, as vésperas electorais son mala época para dilucidar estas cuestións…

As veciñas e veciños non están tan preocupados polo momento en que agromou a fenda. Seguen ao seu. “Mentres non constrúan nese ámbito, hai esperanza; por iso, non nos queda outra que rexeitar calquera proposta que avogue por edificar nel. Despois de cincuenta anos non vamos desesperar por algún máis con tal que se faga realmente un parque”, di María Gutiérrez, a presidenta da asociación, na nota. 

A opción das permutas

ddd21“Tanto o goberno de Ferreiro como o de Rey dixéronnos que era imposible eliminar a edificabilidade. Mais si que é posible: hai mecanismos legais para o facer. Villoslada e Rey dixeron non estar dispostos a mercar nin permutar a edificabilidade do M22; Por contra, Villoslada falou esta semana da posibilidade de permutas para recuperar os terreos do Campo da Estrada. Por tanto, si que hai terreos dispoñibles para permutas. Outra cuestión é que dubidemos que A Coruña teña que pagar ao Ministerio de Defensa por parcelas que son da Coruña ou que haxa que indemnizar a unha empresa coñecedora de que esas parcelas son BIC e que só pagou a fianza da poxa”, explican as veciñas este sábado.
 
Volvendo á Agra, lembran que o goberno da Marea Atlántica valoraba as posibles indemnizacións por edificabilidade “en 7 millóns de euros e, só sete meses despois, e con menos edificabilidade que indemnizar, o PSOE dinos que serían máis 15 millóns; as cifras medran para facer pensar que non merecemos tanto... Tamén ouvimos que o parque da Agra equivale a dous campos de fútbol; a asociación non ten un Servizo de Urbanismo, mais sabemos que un campo de fútbol mide arredor de 10.000 metros cadrados, e o polígono completo debe ter 23.700 metros cadrados, dos que só uns 6.000 metros cadrados son chairos. Quen sabe se haberá abondo para xogar ao futbolín, á petanca ou botar unha brisca!”.
 
E conclúen: “os sucesivos planeamentos e as dúas últimas propostas foron reducindo edificabilidade; agardamos que a seguinte proposta procure eliminala de vez”.

"A alcaldesa non debería actuar como muller de palla de construtor algún"