Axenda social
A Rede de Solidariedade Popular bota andar na Coruña
O venres día 4 ás 20 horas colectivos sociais da cidade e activistas celebran diante do Forum Propolis, na rúa Barcelona, “a Chocolatada Sen Fronteiras” para presentar o nó coruñés da rede.
A Rede, que xa ten un nó en Vigo, espalla o seu tecido á Coruña, onde diversos colectivos sociais decidiron adherirse a unha iniciativa que naceu como resposta á catástrofe social que trouxo a crise de 2008. A nivel do Estado, a Rede organizouse para “dar resposta ás necesidades da clase obreira empobrecida polas políticas de austeridade e a eliminación do Estado Social”.
A festa deste venres celebrará tamén a reactivación do Forum Propolis, como punto de encontro e debate das cuestións urxentes que afectan a barrios populares como o da Agra do Orzán e A Sagrada. Da man de Nicanor Acosta, o Propolis quere retomar impulso e levar ao barrio o plan da Rede para paliar “a ausencia de políticas públicas” a través da “autoorganización” desenvolvendo “ferramentas económicas en base á economía social”.
Forum Propolis e a Rede de Solidariedade Popular convidan a toda a veciñanza e tecido asociativo da Coruña a sumarse á celebración e participar da posta en marcha do nó coruñés da Rede.