BNG | nota de prensa

Froito da iniciativa do BNG, os distintos grupos municipais acordan unha moción conxunta sobre a situación que se está a vivir no barrio dos Mallos

“Celebramos que se puidese alcanzar un acordo. Pensamos que era o que agardaba a veciñanza”
Froito da iniciativa do BNG, os distintos grupos municipais acordan unha moción conxunta sobre a situación que se está a vivir no barrio dos Mallos

A Coruña, a 4 de outubro de 2021.- A proposta lanzada hai uns días polo BNG –que os distintos grupos municipais acordasen unha moción conxunta sobre a situación que se está a vivir nos Mallos- chegou a bon porto e será debatida no Pleno deste xoves 7O.

“Celebramos que se puidese alcanzar un acordo entre os distintos grupos. Pensamos que era o que agardaba a veciñanza e por iso tomamos a iniciativa e dirixímonos ao resto de forzas políticas. Acordamos un texto que, coido, dá respostas ás demandas e inquedanzas das veciñas e veciños dos Mallos”, di o portavoz do BNG, Francisco Jorquera.

Foi o propio Jorquera quen o pasado 24 de setembro se puxo en contacto coas voceiras dos outros grupos municipais para lles propor a redacción dunha moción conxunta.

Xa o pasado mércores, o portavoz nacionalista deulle traslado ao resto de forzas políticas con presenza en María Pita dun borrador de moción. A partir dese texto chegouse a unha redacción definitiva, con achegas dos distintos grupos.

“A veciñanza dos Mallos agradece esta resposta urxente, esta resposta unitaria por parte de toda a Corporación para facer fronte aos problemas do barrio”, considera Jorquera.

“Nos Mallos hai gromos de delincuencia que é necesario atallar para protexer a seguridade da veciñanza e preservar a convivencia social que sempre houbo neste barrio. Mais nos Mallos hai tamén que facer fronte a outras necesidades, en materia de urbanismo, vivenda, impulso das políticas sociais, dinamización socio-cultural, potenciación do pequeno comecio... E a todas estas necesidades pretende dar resposta esta moción conxunta”, engade o voceiro nacionalista.

Desde un principio, o BNG apostou por unha abordaxe integral dos problemas dos Mallos. Trátase de enfrontar o fenómeno obxectivo da inseguridade –vinculado á invasión de moradas con fins delituosos-, mais tamén de lidar con cuestións como a necesaria rexeneración e humanización do barrio, o acceso a unha vivenda digna a prezos raboábeis ou a posta en andamento de medidas que melloren a mobilidade e a conectividade –con máis servizos do transporte urbano- desta zona da cidade.

A necesaria rexeneración do barrio ten de pasar pola posta en valor da alta porcentaxe de baixos baleiros que existen nesta área da cidade, coa creación dun banco de locais desocupados que se oferten a aluguer a un prezo taxado.

E como parte da aposta a prol dunha política que garanta o dereito a acceder a unha morada digna e a prezos asumíbeis, fai falta tamén fomentar a captación de persoas residentes universitarias a través da oferta de vivenda en réxime de aluguer, coa mellora da conectividade cos campus universitario. 

Rexeneración, humanización, políticas de vivenda e, tamén, accións que incrementen a oferta socio-cultural, o reforzo dos programas contra a exclusión social e a mellora da mobilidade, con especial destaque para as conexións do transporte urbano co resto dos barrios da Coruña. Estes, alén do combate aos fenómenos delituosos, son os trazos básicos desta moción conxunta impulsada polo BNG.

Moción

O Grupo Municipal Socialista, Grupo Municipal Popular, Grupo Municipal da Marea Atlántica e Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentan a seguinte Moción conxunta sobre a situación e as necesidades dos Mallos e Sagrada Familia

Exposición de motivos

Ante a situación existente nos barrios dos Mallos e Sagrada Familia, os grupos abaixo asinantes consideran necesario a adopción dunha serie de medidas para atender as necesidades destes barrios e as demandas da veciñanza.

O Pleno do Concello adopta os seguintes:

Acordos

1.- Impulsar un plan de rexeneración e revitalización dos barrios dos Mallos e Sagrada Familia que atenda, entre outras, as seguintes necesidades:

1.1.- Humanización do espazo público, mellorando a calidade e accesibilidade do espazo urbano. Contemplaranse, entre outros, os seguintes obxectivos:

1.1.1.- Incrementar e mellorar as prazas e corredores peonís, zonas verdes e espazos de xogos e lecer.

1.1.2.- Acometer á maior brevidade posíbel as actuacións de urbanización e mellora da accesibilidade previstas na contorna do Centro Cívico dos Mallos e Agra dos Mallos.

1.2.3.- Asegurar a correcta limpeza e mantemento de rúas, prazas e zonas verdes e unha solución á proliferación de fincas en estado de abandono.

1.2.4.-Solucionar os problemas relacionados coa falta de aparcamento, a escasa iluminación, o mal estado do pavimento das rúas, os coches abandonados, a falta de poda das árbores, etc.

1.2.- Impulsar, en colaboración coas administracións con competencias en materia de vivenda, a rehabilitación de edificios antigos e en mal estado e medidas que favorezan o acceso á vivenda. En particular atenderanse as seguintes liñas:

1.2.1.- Creación dun banco de vivendas en alugueiro a prezo taxado que se nutra quer de vivendas de titularidade pública quer de vivendas de particulares que as poñan a disposición do devandito banco para a súa intermediación na captación de clientes.

1.2.2- Dar cumprimento ao acordo do 3 de decembro de 2020 e impulsar un Plan Municipal polo Dereito á Vivenda e reactivar e ampliar o cometido da Oficina Municipal de Vivenda, para que permita realizar cantas actuacións sexan da sua competencia para a consecución dos obxectivos e fins recollidos nesta moción, isto é, asegurar o dereito a vivenda de toda a cidadanía. Esta oficina actuará coordinadamente cos servizos sociais do Concello e coa área responsábel en materia de vivenda, levando a cabo, entre outras, as seguintes funcións: campañas de información á cidadanía sobre os seus dereitos nos procesos de execución hipotecaria ante as entidades financeiras; asistencia ás familias afectadas en procesos de execución hipotecaria, reconducíndoas aos Servizos Sociais do Concello cando requiran de axudas o prestacións para que se lles oriente e asigne o recurso máis idóneo; elaborar propostas de actuación no marco do Plan Estatal de Vivenda dirixidas a aumentar o banco de vivendas municipais en propiedade e aluguer, a creación dun rexistro de vivendas en permanente desocupación e similares.

1.2.3.- Negociar con titulares de edificios ou vivendas baleiras en estado de semiabandono para que se acollan ás liñas de rehabilitación condicionadas á posta a disposición deses inmóbeis para a súa oferta en alugueiro a prezo taxado.

1.2.4.-Contemplar nas liñas de axuda á rehabilitación a instalación de ascensores e solucións aos problemas de accesibilidade.

1.2.5.- Dar cumprimento ao acordo de xullo de 2020 para que o Goberno Municipal realice xestións ante a SAREB co obxecto de demandar que esta sociedade ceda as vivendas baleiras da súa titularidade ao Concello da Coruña para a súa transformación en vivendas sociais.

1.3.- Desenvolver, en colaboración coas restantes administracións con competencias en materia de seguridade, un plan de prevención e persecución da delincuencia coa reactivación da policía de barrio, identificando os puntos conflitivos, as ocupacións ilegais con fins delicitivos e os perigos potenciais e reforzando a vixilancia e as medidas sancionadoras.

1.4.- Desenvolver medidas específicas de dinamización para facer fronte á alta porcentaxe de baixos baleiros. En particular atenderanse as seguintes liñas:

1.4.1.- Creación dun banco de locais baleiros co obxecto de ofertalos en aluguer con prezos razoábeis e garantías para as persoas propietarias e arrendatarias, integrado quer por locais de titularidade municipal quer por locais de particulares que os poñan a disposición do devandito banco para labores de intermediación.

1.4.2- Compra de locais por parte do Concello, dándolle prioridade a aqueles barrios con máis locais pechados ou con menos servizos de proximidade.

1.4.3.- Impulsar usos alternativos nos baixos baleiros como a instalación de microempresas, a creación de espazos de estancia e usos compartidos e espazos de convivencia interxeracional. Con tal efecto estableceranse axudas de até 15.000 euros para novas actividades en locais en desuso, unha liña de subvencións para pequenas empresas, persoas autónomas e iniciativas de economía social. Terían cabida comercio, perruquería, servizos, academias, coworking, obradoiros, alimentación, deporte, cultura, arte, economía social, etc.

1.5.- Fomentar a captación de persoas residentes universitarias a través da oferta de vivenda en réxime de aluguer, políticas de rehabilitación de edificios e baixos que teñan en conta as súas necesidades específicas e da mellora da conectividade cos campus universitarios a través do bus e o carril-bici.

1.6.- Incrementar a oferta socio-cultural a través das seguintes liñas de actuación:

1.6.1.- Habilitar os baixos colindantes coa Biblioteca Municipal da Sagrada Familia co obxecto de poñelos a disposición do espazo “A Eira” e desenvolver o proxecto de innovación bibliotecaria e participación cidadá vencellado ao mesmo.

1.6.2.- Mellorar a dotación de persoal e a programación de actividades nos Centros Cívicos dos Mallos e Sagrada Familia.

1.6.3.- Organización de eventos e actos lúdicos e culturais con localización nos devanditos barrios orientados a toda a poboación da Coruña.

1.7.- Avanzar no benestar e no bo trato ás persoas maiores co desenvolvemento das seguintes medidas:

1.7.1.- Reforzar, a través do Equipo de Atención Social (EAS) dos Mallos, o programa “Redeiras” co fin de abordar a soidade non desexada das persoas maiores contribuíndo á construción dunha comunidade comprometida coas persoas maiores, fomentando relacións comunitarias de benestar e apoio, sensibilizando a veciñanza e minimizando as consecuencias negativas da soidade non desexada.

1.7.2.- Implementar un proxecto piloto de respiro familiar no Equipo de Atención Social (EAS) dos Mallos co fin de rebaixar a sobrecarga das persoas coidadoras.

1.7.3.- Implementar un proxecto piloto no barrio dos Mallos destinado a persoas maiores que poden valerse por sí mesmas e que poden ofrecer unha habitación a estudantes universitarios que precisen unha vivenda para que se axuden mutuamente.

1.8.- Impulso á convivencia e cooperación social. Con tal fin:

1.8.1.- Constituír unha Comisión de colaboración coas distintas entidades sociais que traballan no territorio (ALAS, Renacer, Fundación Secretariado Gitano, CASCO, etc) co fin de elaborar unha campaña conxunta de sensibilización social para afrontar as múltiples discriminacións (raza, orientación sexual, xénero, etnia, etc.) e a non criminalización de colectivos en situación de vulnerabilidade social.

1.8. 2.- Implementar novas liñas de acción comunitaria en colaboración coas entidades e os colectivos do territorio.

1.8.3.- Mellorar a cohesión social e a xeración de barrios inclusivos a través de programas comunitarios.

1.9.- Reforzar o seguimento de situacións de vulnerabilidade e os programas destinados a combater as situacións de risco de pobreza e exclusión social a través das seguintes liñas:.

1.9.1.- Reformar a Ordenanza municipal reguladora da Renda Social Municipal para adaptala á nova situación derivada da pandemia ampliando a cobertura da prestación a novos perfís en situación de vulnerabilidade social.

1.9.2.- Reformar a Ordenanza municipal reguladora das Axudas de Emerxencia Social para adaptala á nova situación derivada da pandemia ampliando a cobertura das axudas a novos perfís en situación de vulnerabilidade social.

1.9.3.- Apertura dun novo Equipo de Atención Social no barrio de Sagrada Familia co fin de abordar as situacións de vulnerabilidade social e desconxestionar o dos Mallos.

1.9.4.- Reforzo de persoal no Equipo de Atención Social dos Mallos.

1.9.5.- Recuperación da atención presencial nos Equipos de Atención Social dependentes do Concello.

1.10. Reforzar a atención e a participación da mocidade a través das seguintes medidas:

1.10.1.- Creación dun foro de participación da poboación máis nova onde poidan expresar as súas demandas, intereses, necesidades, carencias, inquietudes, etc.

1.10. 2.- Creación dun punto do CMIX no barrio que inclúa asesoramento en cuestións de promoción da igualdade e non discriminación.

1.11.- Mellorar as conexións de autobús co resto dos barrios da Coruña.

A Coruña, 4 de outubro de 2021

  • Rosa Gallego Neira, Portavoz do Grupo Municipal Popular
  • José Manuel Lage Tuñas, Voceiro do Grupo Municipal Socialista
  • María García Gómez, Voceira do Grupo Municipal da Marea Atántica
  • Francisco Xesús Jorquera Caselas, Voceiro do Grupo Municipal do BNG

Á ALCALDESA-PRESIDENTA DO CONCELLO DA CORUÑA

Froito da iniciativa do BNG, os distintos grupos municipais acordan unha moción conxunta sobre a situación que se está a vivir no barrio dos Mallos