BNG | nota de prensa
O BNG proponlle ao resto de grupos acordar unha moción conxunta que aborde a situación que se está a vivir no barrio dos Mallos
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, dirixiuse esta mañá ás voceiras dos outros grupos municipais con vistas a acordaren unha moción conxunta, para o seu debate no Pleno do vindeiro mes de outubro, arredor da situación que se está a vivir no barrio dos Mallos.
A Coruña, a 24 de setembro de 2021.- A xuízo do BNG, a presentación dunha iniciativa conxunta, que loxicamente sería aprobada por unanimidade, contribuiría a dar satisfacción ás demandas e inquedanzas da veciñanza dos Mallos.
Precisamente, a formación nacionalista mantivo na tarde deste xoves un encontro con distintos axentes sociais, económicos e veciñais dos Mallos, alén de realizar unha asemblea aberta co Grupo de Barrio do BNG.
Tratábase de pulsar a situación que se vive nos Mallos con vistas a procurar alternativas que dean solución aos problemas que máis lle preocupan á veciñanza. A moción iría precisamente nesa dirección.
Jorquera emprazou as voceiras dos outros grupos a falaren ao longo dos próximos días para acordar os termos concretos da iniciativa.