Coruña Libertaria

Mecanismos para seguir derrubando muros

Emilio Grandío falou do anarquismo na Coruña nos anos da República e da Guerra nunha charla-suceso onte no Ateneo Xosé Tarrío.

Mecanismos para seguir derrubando muros
Charla sobre a represión do anarquismo na Coruña de Emilio Grandío onte nos Mallos
Charla sobre a represión do anarquismo na Coruña de Emilio Grandío onte nos Mallos.

Onte, que tapiaron un centro cultural en Compostela con eses bloques de cemento gris cos que levan décadas construíndo muros, noutro centro cultural no barrio dos Mallos, na Coruña, tivo lugar un suceso deses que derruban muros e rescatan a historia dos de abaixo, dos que nunca calaron. A palabra derruba muros.

O réxime, dixo Emilio Grandío, foi praxe, ductilidade, monopolio do tempo político, eterno naqueles días, para matar isto, o diálogo, a palabra. Oitenta anos despois o réxime segue operando. Máis en lugares como o Ateneo Libertario Xosé Tarrío, como nos centros libertarios da Coruña, ferve a resistencia. E pasa aquí, nun barrio coma Os Mallos, que naceu hai case cen anos con vivendas de alugueiro para mariñeiros, un dos vértices do triángulo anarquista (con Vioño e A Fontenova), fogar do Despertar Marítimo o sindicato anarquista, 2.000 afiliados nos días da República. Fala unha neta dun dos líderes anarquistas daquela. A memoria oral da familia Montes. A dos Villaverde, di Grandío. A palabra que mantivo viva a memoria dos mecanismos para seguir derrubando os muros que nos chanten.

“Coruña, Zaragoza, Barcelona, Valencia, Cádiz”, recitou Grandío, historiador da USC, veciño da Coruña. “O voto en branco, como se explican eses índices constantes?”. “O que acontece neste momento aquí, xente falando, debate, diálogo sen complexos, non pasa noutros sitios do país, non pasa en Compostela, por exemplo, e aquí na Coruña si. Coruña, Zaragoza, Barcelona, Valencia, Cádiz… as cousas non ocorren por casualidade. Hai valores fondamente asentados que emerxen”. E por un momento cesou o fervor, un deses momentos de comuñón libertaria. O suceso.

A historia do anarquismo na Coruña

Emilio Grandío falou nas xornadas libertarias da represión do anarquismo na Guerra e na posguerra, movemento obreiro de masas (12.000 afiliados á Federación Local Obreira no 35), movemento ideoloxicamente plural de unidade popular fronte aos patróns que medrou desde os barrios que se construían no aluvión de inmigrantes de principios de século tecendo unha rede cultural diante do abandono do Estado. Na Coruña, como no caso de Barcelona que documentou Chris Ealham (La lucha por Barcelona: Clase, cultura y conflicto), os barrios crearon a cidade obreira. Moi poderosa. Dona da rúa, do porto. Cun xornal, Solidaridad Obrera, que tiraba naqueles anos dez mil exemplares. Capaz de paralizar a actividade mesmo durante meses, como no 33. Que puña bombas mentres aprendía a negociar coas elites. E que grazas a esas negociacións (con representantes da burguesía como Casares Quiroga) foi a chave electoral para acabar coa monarquía o 31 e coa república de dereitas no 36.

O anarquismo, “inda que non todo era FAI nin só CNT”, atravesou varias etapas durante os axitados anos da Segunda República, e cando no 33 decide asaltar o poder, Coruña ferve e desborda. Despois de sete meses de folga e chega cansa á Revolución de outubro do 34.

Presentación da charla de Grandío sobre o anarquismo na Coruña

“Desde o verán do 35 a estratexia muda. A burguesía reformista quedara sen forza no Parlamento e tivo que ir detrás do movemento obreiro. Nun pacto non escrito, repartiron espazos. Os burgueses quedarían co Goberno do Estado e coas corporacións municipais e a rúa e o mundo do traballo sería cousa dos obreiros. A Fronte Popular gañou as eleccións e o pacto íase cumprindo. De feito, baixaron as mobilizacións”, explicou Grandío.

O golpe e o abrazo de Juana de Vega

Conta Grandío como meses antes do golpe do 18 de xullo o movemento obreiro mantiña a alerta. Na Coruña, por exemplo, o 19 de abril, as tropas saíron a rúa e sóubose despois que para esas datas os sublevados tiñan pensado asasinar a Francisco Pérez Carballo, o gobernador civil nomeado o 10 dese mes. Executárono o 24 de xullo. “Houbo patrullas de milicianos nas rúas desde tres días antes do 18”, recorda Grandío, “nun mitin na praza de touros Moreno Torres dixo que ou lle daban as armas ou as collerían”. Finalmente, a orde de Giral, sostén, o historiador, precipitou a saída das tropas. “O día 20, Martín Alonso, baixo unha capa para librar das patrullas obreiras, é quen espalla a nova da sublevación polos acuartelamentos”. Martín Alonso, ferrolán e africano, coma Franco, chegaría a Ministro do Exército.

Houbo barricadas e centos de traballadores mobilizáronse para defender a cidade. Chegaban en camións pola estrada da Agrela. Pero na organización da defensa só participaron os obreiros, non a burguesía, lamenta Grandío e debuxa o fin da resistencia como “o abrazo de Juana de Vega”. “Viña a Guardia Civil cara as barricadas do Ensanche e alí, en Juana de Vega, a Guardia de Asalto baixou as armas e os mandos fundíronse nun abrazo e marcharon xuntos contra os obreiros. Hai que entender que eran decisións meditadas desde moito antes. Ese mesmo día a Guardia de Asalto colocara morteiros diante do cuartel de Atocha e non acertaron con ningún disparo. Posibilidades de defensa houbo moitas, pero…”.

Emilo Grandío nas Xornadas Coruña Libertaria

A represión

Os anarquistas foron obxectivo preferente da represión. As razóns, segundo Grandío, teñen que ver co pragmatismo da guerra: os anarquistas eran quen demostraran maior capacidade de resistencia, quen tiñan maior experiencia na clandestinidade, quen controlaban as rutas de fuxida e tamén unha canteira onde captar cadros que obreiros que a maquinaria de guerra precisaba. Grandío recuperou nu libro, Vixiancia e represión na Galicia da guerra civil: o Informe Brandariz, o relato que fixo un topo sobre a resistencia anarquista na Coruña. O topo chegara até Jaime Baella, o director de Solidaridad Obrera. No verán do 37, á decepción pola caída da fronte de Asturias na Guerra sumáronse as detencións de medio cento de persoas en Monte Alto. A Jaime Baella fusilárono o 9 de marzo do 38.

O anarquismo perdeu a Guerra. Foron exterminados. Porén, os valores cívicos da cultura anarquista asentaron. Mesmo en medio da miseria económica e social do país sobre a que Grandío carga o conservadorismo das galegas e galegos. Eses valores viven en espazos coma este Ateneo “aínda que en 40 anos de democracia non se fixo nada por recuperalos”.

O historiador confesou que segue interrogándose por iso que chamamos franquismo e pediu ao final da charla-suceso “mirar ao franquismo desde outra óptica diferente á maniquea da Guerra Civil, mirar ao franquismo coma un réxime que se aplicou en conservar o poder, con Franco e máis alá de Franco”.


As xornadas Coruña Libertaria continúan hoxe na Insumisa e mañá xoves regresan aos Mallos co seguinte programa:

Mércores, 31. 20.00 horas. No Centro Social Okupado A Insumisa. Anarquista ou nada. Mulleres libres e casas libertarias, por Carmen Blanco e Claudio Rodriguez Fer

Xoves, 1 de xuño. 20.00 horas. No Ateneo Libertario Xosé Tarrío. Os Ateneos Libertarios da Coruña, por Eliseo Fernandez

Máis información.

http://www.entrenosdigital.com/articulo/novas-mallos/duas-citas-no-ateneo-xose-tarrio-coas-xornadas-libertarias/20170527081502003135.HTML


 

Mecanismos para seguir derrubando muros