BNG | nota de prensa

O BNG pide no Parlamento Galego que se contrate máis persoal e se combata a precariedad laboral na atención primaria da Coruña e no CHUAC

Mercedes Queixas demanda que 25% do orzamento de Sanidade se destine á atención primaria. Neste momento, apenas é 12%
O BNG pide no Parlamento Galego que se contrate máis persoal e se combata a precariedad laboral na atención primaria da Coruña e no CHUAC
Mercedes Queixas Zas na asemblea local do BNG Coruña a semana pasada
Mercedes Queixas Zas

A Coruña, a 19 de xaneiro de 2022. Que se reforce o cadro de persoal e se melloren as condicións laborais das traballadoras e traballadores sanitarios da atención primaria da comarca e do CHUAC. Iso é o que pide a través dunha batería de iniciativas (proposición non de lei para Pleno e Comisión, pregunta oral e pregunta por escrito) a deputada do BNG no Parlamento galego Mercedes Queixas.

Queixas faise eco das mobilizacións do cadro de persoal do servizo de Urxencias do CHUAC, colapsado en plena pandemia, e demanda accións inmediatas por parte da Xunta para “rematar coa actual situación de saturación do servizo” e, por tanto, con vistas a garantir a calidade e seguridade na atención ás persoas doentes.

A iniciativa do BNG demanda igualmente implantar nos centros de saúde un protocolo antiCovid 19 “que estabeleza circuítos seguros de mobilidade no seu interior e salas de espera adaptadas para cumprir coas actuais normas sanitarias”.

Outra das medidas que achega a proposición non de lei do BNG é que se implanten de inmediato as consultas presenciais para todas as persoas que o demanden, de modo a limitar as telefónicas ou telemáticas a unha actividade asistencial complementar (receitas, baixas, comunicación de resultados de probas diagnósticas, etc), tendo coidado para “non discriminar as persoas maiores con dificultades para dispoñer e manexar as novas tecnoloxías”.

Mais desta só se sae, entende o BNG, se se incrementa o cadro de persoal sanitario, isto é, se se contratan novos profesionais e se se remata coa súa precariedade laboral (se isto non se fai, os profesionais optan por procurar traballo fóra do sistema público galego). Nese mesmo sentido, a formación nacionalista demándalle á Xunta que aplique un Plan de Mellora da Atención Primaria visando redimensionar os equipos multidisciplinares para dar cobertura ás necesidades de saúde da poboación.

No texto da proposición non de lei, Queixas salienta que o colapso da atención primaria é previo á pandemia, con demoras e masificación da asistencia, e ten a ver cos “recortes nos orzamentos aplicados polos gobernos da Xunta de Galiza nos últimos anos”. E para apoiar esta afirmación a deputada achega un dato: na actualidade o orzamento sanitario total do país apenas destina 12% dos seus recursos á atención primaria. O Bloque pide que se dobre esa cifra.

Sobre este mesmo asunto, o Pleno do Concello da Coruña aprobou o pasado xoves unha moción do BNG, defendida por Francisco Jorquera, que contou co apoio de PSOE, Marea Atlántica e a concelleira non adscrita e que foi votada en contra polo grupo municipal do PP.
O BNG pide no Parlamento Galego que se contrate máis persoal e se combata a precariedad laboral na atención primaria da Coruña e no CHUAC