sanidade pública
Comunicado de prensa de SOS Sanidade Pública en relación coa manifestación do 20 de xaneiro
Canta verdade hai neste lema: “Sen persoal non hai sanidade”!
SOS Sanidade Pública de A Coruña apoia e celebra a realización da manifestación na Coruña do 20 de xaneiro convocada pola Comisión sindical de Centro Hospitalario.
Os anos de recortes na sanidade pública galega, o traspaso de fondos á sanidade privada, a insuficiencia de persoal, a pesar do incremento de actividade, provoca moitos momentos de estrés, de preocupación e de dificultades no día a día da asistencia, da atención persoal.
A atención primaria está saturada a ollos de calquera que mire, a punto de estoupar e con risco de desaparición, non hai máis que mirar ou intentar chamar, pero no hospital, en cada planta, en cada área ou servizo, sófrese silenciosamente o recorte de persoal tamén día a día. Só hai que pensar e situarse no lugar da enfermeira ou auxiliar de clínica de noite soas nunha planta con 25 pacientes, coas súas demandas, coas súas necesidades de atención, coas súas necesidades de coidados.
A todos nos gusta recibir unha atención eficaz pero tamén un trato amable e proporcional ás necesidades do paciente, pero isto é imposible sen persoal.
O persoal está fatigado, sen libranzas, sen cobertura de ausencias, e a resposta da dirección hospitalaria é a de sempre, que non hai persoal. Os mesmos que levan gobernando sen falta desde 2009 son os responsables da actual situación, son os responsables do seu fracaso dado que levan dicindo o mesmo desde hai anos.
Como ben di a Comisión de Centro Hospitalaria hai deficiencia de persoal en todo o hospital, os problemas esténdense a todos os servizos, colapso de novo nas urxencias, os bloques cirúrxicos, as unidades de críticos, laboratorio, farmacia, radioloxía, lavandería, coxiña, plantas de hospitalización...
Queremos unha sanidade pública de calidade agora, a promesa dun novo hospital, que non deixa de ser unha ampliación, e que vai para anos, non nos engana, non nos impide ver a realidade do día a día. A pandemia fainos ver con claridade os problemas da nosa sanidade.
A sanidade pública, a cidadanía da Coruña, necesita cambios na política sanitaria, cambios na xestión actual, máis diálogo e contratación de persoal.
SOS Sanidade Pública celebra e apoia a manifestación do 20 de xaneiro e chama á cidadanía a participar na mesma, porque dese modo estaremos defendendo e mellorando a nosa sanidade pública.