sanidade pública | nota de prensa
Folga de facultativos de atención primaria o mércores 19 de xuño
O mércores 19 de xuño faremos folga nos centros de saúde e participaremos nunha manifestación en Santiago, desde o edificio administrativo da Xunta en San Caetano ata a Consellería de Sanidade en San Lázaro.
Se tivésemos que sintetizar nunha frase o motivo desta folga sería "Queremos tempo para atender aos nosos pacientes, para facer o noso traballo correctamente".
Para iso fan falta máis prazas de persoal, facer contratos atractivos para que os médicos xoves non marchen, ter un financiamento adecuado e introducir cambios na xestión.
A Consellería de Sanidade di que xa dialoga e que ten grupos de expertos, comités técnicos,.. pero négase a falar directamente cos profesionais que estamos nos centros acotío facendo o traballo e padecendo a incapacidade de xestión da dirección e deste Conselleiro. Nin sequera convocou ao comité de folga demostrando a nula intención de diálogo.
En maio fixeron folga os facultativos de Vigo, agora en xuño está convocada a folga para todos os facultativos de atención primaria de Galicia (médicos de familia, pediatras, odontólogos, farmaćeuticos, MIR, técnicos de saúde).
E despois do 19 de xuño imos continuar co conflito. Estaremos todos os meses que sexa necesario ata que cambien a súa actuación sobre a atención primaria. Pode negar o conflito, pode intentar ocultalo pero os usuarios dos centros de saúde ben saben os problemas que hai, ben saben que así non se pode traballar con seguridade para o paciente.
Nos centros de saúde poden verse os cartaces de anuncio da folga, os cartaces co problema e así van continuar as paredes dos nosos centros.
Achegamos fotos de Os Mallos, Federico Tapia, Adormideras, Elviña, San Xosé, Cesuras, Carballo, Buño,...