Ampliación do CHUAC
Manifestación: "A Coruña tamén merece un hospital novo!"
A Plataforma de afectadas pola ampliación do CHUAC e a AVV de Eirís “Uxío Carré” convocan a toda a veciñanza da Coruña, contorna e Área Sanitaria A Coruña-Cee, a participar na MANIFESTACIÓN convocada para o domingo 4 de Xullo, con saída dende a praza da Palloza e rematando diante do Concello da Coruña.
Inicia así unha campaña de recollida de apoios para que Concello e Xunta reconsideren o seu acordo de Ampliar o VELLO CHUAC (inaugurado en 1972), manténdoo en obras 20 anos máis, e pechando o Hospital Materno Infantil “Teresa Herrera”, o Centro Oncolóxico “Labaca”, as consultas do Centro de Especialidades do Ventorrillo e parte das do “Abente e Lago”.
A partires de agora, e co apoio de valados publicitarios, incrementaremos a recollida de sinaturas, reparto de información e contactos con asociacións veciñais, culturais, profesionais, de doentes e familiares, e toda entidade cidadá que estea interesada en colaborar e apoiar o noso manifesto e concorde con nós en que, igual que se fixeron en Santiago, en Lugo e en Vigo,
A Coruña tamén merece un hospital novo!!
Un hospital con futuro, como merecemos a cidadanía, e como merecen as e os profesionais que traballan día a día pola nosa saúde. Un hospital accesible (no exterior e no interior), moderno, amplo, cos sistemas de ventilación e illamento necesarios, que se adapte ás futuras necesidades sanitarias, ó que trasladarse cando xa estea rematado.
No CHUAC, que ten xa 49 anos (e 20 en obras) pretenden que sigan compartindo espazo as obras, o persoal sanitario, doentes, operacións... con todas as molestias e co risco biolóxico que iso supón.
Coa cifra de 436 millóns de euros é mellor investilos en facer un Hospital Novo para A Coruña, e non enterralos en parchear un edificio vello e poñerlle un cartel ben grande, que se vexa de lonxe, e que poña “Novo CHUAC”. E nese importe non están contabilizados os custes do aumento das derivacións á sanidade privada de intervencións que serán obrigadas por ser incompatibles con un CHUAC en obras durante anos