O Consello da Xunta aproba a proposta de reforma da Lei de Saúde na véspera dun festivo
En Marea denuncia o novo desmantelamento da atención primaria por parte da Xunta de Galicia
O voceiro de En Marea, Luís Villares, e a deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao, salientaron unha vez máis a gravidade da desaparición das áreas sanitarias e que padecen xa os efectos da chamada “xestión integrada”, con falla de profesionais, lista de agarda, derivacións a Lugo, no caso da Mariña e Monforte, ou a Ourense no Barco, ademais das derivacións a hospitais privados.
En Marea | 8/12/2017
“Esta manobra non lles servirá porque a poboación das áreas sanitarias que serán suprimidas está preocupada e mobilizada” salientou o voceiro de En Marea. “A Xunta non pode tapar a realidade que padece a xente nos hospitais galegos. A cidadanía está mobilizada na defensa da nosa Sanidade e En Marea ponse ao servizo desta loita cidadá, pois é preciso unha ampla fronte cívica en defensa dos servizos públicos” afirmou.
Os propios Orzamentos da Xunta para 2018 afondan na privatización e no deterioro da Atención Primaria como denuncian desde o grupo parlamentario. O baleirado de contido médico nos hospitais comarcais, a desatención á poboación, o desmantelamento da rede do sistema concentrando todo en sete hospitais, rebaixando a calidade asistencial na atención de proximidade que “salva vidas”.
A modificación da lei de saúde tamén consolida o devalo da Atención Primaria, desaparecida nesta lei, cando se de verdade se quixera dar unha resposta pensando nos intereses da maioría social, tería que ser potenciada, dotándoa de estrutura directiva propia, con capacidade planificadora e de xestión do seu orzamento, pois así podería incrementar a súa capacidade resolutiva e resolver unha gran parte dos problemas de saúde da cidadanía, ademais de poder facer un traballo importante na promoción da saúde e na prevención da enfermidade.
“Diminuír o número de áreas, afastar os órganos de representación cidadá e restarlles competencias vai xusto no sentido contrario do que a nosa cidadanía precisa” asegurou Villares.
Desde o grupo parlamentario alertan de que debilitando a estrutura territorial do SERGAS se debilita a capacidade asistencial, co que será imposible cumprir os prazos da chamada Lei de Garantías, desviándose unha parte aínda máis importante que agora dos recursos públicos á sanidade privada. Coa modificación da lei non se pretende dar resposta ás necesidades de recursos sanitarios postas en evidencia polas listas de espera, o que se pretende é concentrar os recursos, en parte coa desculpa da falta de profesionais, e deixar máis espazo para o crecemento da sanidade privada como prestadora de servizos sanitarios financiados con cartos públicos.
“A suma da Lei de Saúde modificada e a aplicación da Lei de Garantías, terá como resultado a reaparición da LOSGA, de infausto recordo, na que se intentaban igualar os centros sanitarios públicos e privados á hora da asignación de recursos económicos” concluíu o voceiro de En Marea.