Coronavirus

A segunda fase do estudo de seroprevalencia non beneficia aos pacientes

E provoca atrasos na normalización da asistencia en atención primaria

A segunda fase do estudo de seroprevalencia non beneficia aos pacientes
coronavirus
coronavirus

A Coruña, a 8 de xuño de 2020

1. O estudo de seroprevalencia da Xunta de Galicia aporta pouco aos pacientes. Utiliza tests monobanda de detección do virus SARS-CoV-2. É un test que mide presenza de anticorpos totais, sen diferenciar se a infección está activa ou é infección pasada, e ademais teñen moi pouca sensibilidade, polo que cando o resultado é negativo non podemos informar ao paciente con seguridade de que é realmente negativo. Incluso é cuestionable eticamente informar de resultados pouco fiables.

No estudo do goberno central, do que xa hai resultados das dúas fases, utilizouse un test de dobre banda que permitía diferenciar presenza de anticorpos IgM, que indican infección aguda, e anticorpos IgG, que indican infección pasada, e tomouse mostra de sangue capilar e venosa, para realizar un estudo máis completo en caso de dúbida.

2. Para a realización deste estudo galego a enfermaría dos centros de saúde empezou o 1 de xuño a chamar ás persoas seleccionadas e a partir do 8 de xuño ata o 20, como mínimo, estará realizando os tests e continuará coas chamadas telefónicas. Cada persoa que faga o estudo ocupará posteriormente un oco na axenda do médico para que este lle dea a información do resultado. Isto vai atrasar como mínimo tres semanas a progresiva normalización da asistencia.

3. Os facultativos da Área Sanitaria de A Coruña pedimos que se pare o estudo ou, de continuar co mesmo, que se faga por persoal específico, igual que se fixo tanto na primeira como na segunda volta do estudo do goberno central. Dese modo poderanse citar máis persoas en atención primaria para diferentes probas como electrocardiogramas, espirometrías, retinografías, estudo mapa de hipertensión e recuperar a consulta de enfermaría de pacientes crónicos. Por outra banda tamén se evitará a sobrecarga da axenda médica liberando ocos para atender a pacientes con problemas de saúde.

4. Resulta sorprendente a insistencia da Xunta en continuar con este estudo, que non aporta máis que problemas, sobre todo despois de ter xa os resultados do estudo do goberno central. Sorprendeu aos centros porque a propia Consellería anunciara nos medios de comunicación que non se faría esta segunda fase, dada a baixa prevalencia encontrada no primeiro e que, polo tanto, non tiña moito sentido facer este segundo estudo.

A Asemblea de Área Sanitaria de A Coruña

A segunda fase do estudo de seroprevalencia non beneficia aos pacientes