sanidade pública | nota de prensa
A veciñanza de Labañou notou este verán peor servizo no centro de saúde
Achégase unha captura de pantalla do sistema de citas en liña do SERGAS, realizada o pasado 19 de xullo, na que se indica a imposibilidade para acceder a unha cita debido á inexistencia de ocos nesa consulta. Na mesma data e realizando a solicitude telefonicamente, a cita asignábase para o 30 de xullo.
Atendendo ás pescudas levadas a cabo desde a asociación veciñal, existe constancia de que este desbordamento se ten producido en maior ou menor medida en todas as consultas do centro, provocando o empeoramento do servizo e xerando, polo tanto, un prexuízo xeral na poboación do barrio.
O persoal sanitario chegou a asumir entre 3 e 6 cupos daquelas consultas médicas con profesionais que se atopaban no período de vacacións, repercutindo na calidade das atencións prestadas.
Esta circunstancia foi coincidente coa baixa indefinida dunha médica que está sendo substituída a través de contratos de curta duración, cambiando constantemente o profesional de referencia no caso desta consulta. Dado que non sempre é substituída, pacientes deste cupo derívanse ao persoal do centro que se atopa en activo.
Esta situación de sobrecarga do persoal e dificultade de acceso aos recursos sanitarios públicos vense repetindo nos últimos 3-4 veráns. O ano pasado o centro de saúde estivo sen pediatra durante varias semanas. Ademais, reducíronse as horas de atención da matrona no centro, pasando de 3 a 2 días.
Tendo en conta que a accesibilidade aos servizos de saúde constitúese como un dos principios fundamentais da Atención Primaria, a demora na asignación de citas entroncaría directamente co non cumprimento desta premisa, repercutindo negativamente no funcionamento deste servizo.
Por outra banda, a escaseza de tempo dedicado a cada paciente e a sobrecarga psicolóxica e emocional do persoal sanitario son aspectos clave que poden ter unha gran influencia na calidade da atención prestada.
A Asociación veciñal considera moi importante alertar sobre a situación que está atravesando o noso centro de saúde, xa que queremos seguir contando cunha atención primaria accesible e de calidade.