19 de Meirás | nota de prensa
19 de Meirás cualifican de “vitoria do pobo galego” o arquivo definitivo da causa
“Os Franco perderon a batalla social, a legal e agora, por fin, tamén a xudicial” sinalaron.
A Audiencia Provincial da Coruña arquiva definitivamente a denuncia presentada polos Franco e a Fundación Francisco Franco
Galiza, 8 de decembro de 2022.- A Audiencia Provincial da Coruña vén de decretar o arquivo definitivo da denuncia presentada pola familia Franco e a Fundación Francisco Franco contra 19 persoas que no 2017 ocuparon simbolicamente o Pazo de Meirás reclamando a súa devolución para o patrimonio público.
Ante esta noticia, as e os 19 activistas absoltos “19 de Meirás”, amosáronse “enormemente orgullosas e orgullosos coa acción desenvolta aquel 30 de agosto de 2017, sen dúbida fundamental para que se avanzase na recuperación do Pazo de Meirás para o pobo galego” explicaron.
Vitoria do pobo galego e agradecemento aos apoios recibidos
Cualificaron de “vitoria do pobo galego” o arquivo definitivo da causa. “Os Franco perderon a batalla social, a legal e agora, por fin, tamén a xudicial” sinalaron.
As e os 19 activistas quixeron “agradecer todos os apoios recibidos, sen dúbida necesarios e fundamentais para que hoxe poidamos estar falando do arquivo definitivo da causa” explicaron. “Máis de 5 anos despois remata, por fin, esta inxustiza”.
“Sen dúbida o arquivo definitivo desta causa é unha moi mala noticia para os Franco, a Fundación Franco e os franquistas. Intentaron amedrentarnos e acalarnos, mais non puideron con nós” sinalaron.
“Intentaron todo para meternos na cadea e facer caixa cunha multa de medio millón. O triste é que quen tiña que estar na bancada de acusados non eramos nós, senón os que seguen a facer enaltecemento da ditadura militar e humillación ás vítimas” explicaron desde as e os 19 de Meirás.
Patrimonio espoliado por devolver e restitución da memoria das vítimas do franquismo na Galiza
“Agora corresponde que unha vez que conclúa o proceso xudicial o Pazo sexa transferido á administración galega e que o destino que se lle dea sexa o de honrar a memoria democrática do pobo galego” reclaman desde as e os 19 de Meirás.
Con todo, desde este colectivo sinalan que “é innúmero o patrimonio que foi espoliado ao noso pobo por parte da ditadura franquista e que debe ser devolto. A Casa Cornide e as esculturas do Pórtico da Gloria deben seguir o mesmo camiño que o Pazo de Meirás e ser devoltas a mans do pobo galego, de onde nunca deberon saír” concluíron.