Hora do Planeta, a campaña global de mobilización contra o cambio climático
25M A Coruña contra o cambio climático
2016 foi o ano máis cálido da Historia. Pero o Acordo de París non está a cumprirse. Este apagamento simbólico, que se celebra desde o ano 2007, é máis necesario que nunca para mostrar a preocupación polo cambio climático.
No Estado español participarán na iniciativa de WWF case 350 cidades, 200 organizacións e 150 empresas, con accións de sensibilización, difusión e para apagar as luces máis emblemáticas como parte do seu compromiso coa Hora do Planeta. O movemento está en marcha e é imparable.
O sábado 25 de marzo de 20:30h a 21:30h apagaráse a iluminación de edificios municipais como o Pazo de María Pita, a Domus ou monumentos como a Torre de Hércules, como xesto simbólico de mobilización contra o cambio climático e en apoio a un futuro baseado nas enerxías limpas.
Nesta hora de apagamento á que se incorpora, un ano máis, a praza de María Pita, celebrarase o acendido conmemorativo de candeas, ao pé do edificio consistorial, co símbolo da campaña, 60+, o símbolo escollido para representar os 60 minutos de reflexión. Durante esta hora, a Concellería de Medio Ambiente programará, coa colaboración da Agrupación Astronómica Ío, diversas propostas, entre as que se atopan a actuación dun dúo de corda, unha observación astronómica ou actividades lúdicas dirixidas ao público infantil, para implicar ás e aos máis pequenos nesta reflexión ambiental. Ademais, o sector hostaleiro sumarase á iniciativa a través dos locais da contorna da praza, que acenderán candeas nos seus establecementos durante a Hora do Planeta.
Segundo di o Concello "As actividades organízanse dende Oficina municipal contra o Cambio Climático, servizo que se renovou o pasado mes de abril, e no que están integradas todas as área de goberno. Neste departamento, no que se traballa nas medidas de adaptación e mitigación contra o cambio climático, impúlsanse accións de divulgación e participación para unha acción coordinada dende a xestión municipal ante o que é, segundo destaca a concelleira de Medio Ambiente, o maior desafío que a humanidade ten nas vindeiras décadas"