Diversidade

O 70% das persoas na rede de voluntariado de COGAMI teñen discapacidade

COGAMI, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, conta cunha gran rede de voluntariado que ten a particularidade de que o 70% das persoas que a conforman tamén teñen algunha discapacidade. Esta cifra evidencia que as persoas con discapacidade non só son receptoras de accións voluntarias, senón que tamén son voluntarias activas que colaboran ofrecendo o seu tempo, coñecementos, experiencia, capacidades e habilidades.
O 70% das persoas na rede de voluntariado de COGAMI teñen discapacidade
A voluntaria Zaida presta apoio educativo a Wiame para reforzar coñecementos na materia de lectura e escritura en lingua castelá.
A voluntaria Zaida presta apoio educativo a Wiame para reforzar coñecementos na materia de lectura e escritura en lingua castelá.

A Rede de Voluntariado de COGAMI comezou en 2001 co obxectivo de potenciar as capacidades das persoas con discapacidade e fomentar a súa autonomía e independencia a través da participación activa. Actualmente, máis de 1.200 persoas están inscritas nesta bolsa de voluntariado, sumando máis de cincuenta novas incorporacións este ano.

O voluntariado ten moitos beneficios tanto para as persoas voluntarias como para aquelas que reciben a súa axuda. Non só permite adquirir habilidades sociais e axudar aos demais, senón que tamén contribúe á promoción da autonomía persoal e á participación activa en igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade dentro da sociedade.

Para mellorar esta rede de voluntariado, COGAMI desenvolve programas cofinanciados pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Tamén se contan cos fondos do 0,7% do IRPF procedentes das persoas que marcaron o recadro 106 de Actividades de interese xeral consideradas de interese social na súa declaración de renda, coñecido como o recadro da X Solidaria.

Voluntaria de COGAMI Kirtsy Turner coa usuaria Paula do centro de Medelo que presta apoio en talleres e acompáñanos en saídas
Voluntaria de COGAMI Kirtsy Turner coa usuaria Paula do centro de Medelo que presta apoio en talleres e acompáñanos en saídas

A través destes fondos, COGAMI ofrece catro tipos de programas de voluntariado: acompañamento e apoio a persoas con discapacidade, apoio educativo a estudantes que precisan reforzo nalgunha materia, charlas de sensibilización sobre a discapacidade e acompañamento en actividades de lectura ou terapéuticas como a natación. Ademais, tamén se destaca o programa "Sumando na rede", que ten por obxectivo sensibilizar e permitir a participación das persoas con discapacidade como voluntarias, asegurándolles os apoios necesarios para levar a cabo esta participación.

A coordinadora do área de Promoción da Autonomía Persoal de COGAMI, Juani Tubío, destaca a importancia desta ampla rede de voluntariado para a organización, pois supón un valor social incalculable tanto para as persoas voluntarias como para aquelas que se benefician da acción voluntaria.

A participación activa das persoas con discapacidade no voluntariado non só contribúe á súa integración social, senón que tamén axuda a crear unha sociedade máis inclusiva e solidaria onde todas as persoas teñan a oportunidade de participar e colaborar.

O 70% das persoas na rede de voluntariado de COGAMI teñen discapacidade