IV MARCHA CÍVICA
O espolio da Casa Cornide
Sábado, 11 de novembro de 2023, saída ás 12 horas da praza de María Pita
ASÍ ORGANIZARON O ROUBO
O pazo de Meirás e a Casa Cornide son dúas caras dun mesmo espolio. Como dicía a moción aprobada polo Pleno municipal da Coruña do 1 de outubro de 2020: “Significados franquistas que promoveron e participaron activamente nestes dous espolios –Alfonso Molina Brandao, Pedro Barrié de la Maza e Sergio Peñamaría de Llano– aínda conservan na Coruña rúas, retratos en edificios públicos, placas e todo tipo de distincións, que non pode admitir unha sociedade democrática”.
A adquisición da Casa Cornide foi unha auténtica operación de Estado que se organizou durante varios anos. No podía aparecer como a transmisión dunha propiedade pública a unha persoa privada como Carmen Polo, esposa de Franco, e por iso a solución para superar ese problema foi convocar unha poxa, previamente amañada.
A Casa Cornide foi mercada en 1948 pola Dirección Xeral de Belas Artes (Ministerio de Educación). Con Alfonso Molina como alcalde pasa a propiedade municipal, mediante un expediente incoado en 1958 e formalizado en xuño de 1962 a través dunha permuta co Ministerio de Educación Nacional, que recibe a cambio unha parcela municipal en San Roque/zona escolar.
Poucos días despois de dita permuta, Sergio Peñamaría (sucede a Alfonso Molina como alcalde o 19 de maio de 1959), tramita a venda cunha sorprendente rapidez e o Pleno de 3 de xullo de 1962 acordaba a venda do palacio e tamén as bases para unha poxa que se celebra un mes despois. Pedro Barrié de la Maza gaña a poxa-farsa celebrada o 2 de agosto de 1962 e adquire a Casa Cornide por 305.000 pesetas. Esa mesma tarde o pleno dá conta que Barrié solicita transmitir a propiedade a Carmen Polo. Tres días despois Barrié culmina esta farsa e vende a casa a Carmen Polo por 25.000 pesetas, como figura na escritura.
BIOGRAFÍAS DOS PROMOTORES
Pedro Barrié de la Maza. Empresario, banqueiro, franquista e participante na represión do persoal do Banco Pastor. Financiou o exército de Franco. Participou no roubo do Pazo de Meirás e da Casa Cornide da Coruña, para proveito persoal da familia Franco.
Dentro da campaña Auxilio a Poblaciones Liberadas, o xornal Azul (28-1-1939), órgano da Falanxe, difundía esta noticia: “Reina extraordinario entusiasmo para ayudar a nuestros hermanos liberados en Barcelona. En el Gobierno Civil se están recibiendo cuantiosos donativos en metálico y en especies, destacándose el de la Banca Pastor, que ha hecho entrega de 25 000 pesetas”.
Sempre ao servizo da Ditadura e da represión, entre o 4 de outubro de 1937 e o 5 de marzo de 1938 Pedro Barrié, como “Director” do Banco Pastor, informaba en dez escritos ao gobernador civil da Coruña do persoal sancionado, en cumprimento do artigo terceiro do Decreto Lei nº 108 de 13 de setembro de 1936, asinado en Burgos polo xeneral Miguel Cabanellas como presidente da Junta de Defensa Nacional: "Podrán ser suspendidos y destituidos de los cargos que desempeñen cuando aconsejen tales medidas sus actuaciones antipatrióticas o contrarias al movimiento nacional". No escrito de 20 de outubro de 1937 dicía Barrié: "Tenemos el honor de comunicar a V.E. que, con fecha de hoy y como continuación a la labor depuradora que esta entidad realiza entre su personal, esta Dirección acordó instruir expediente…" [despois viña a relación das persoas represaliadas]. Acababa así: "Quedamos de V.E. con toda consideración, atentos servidores".
Ares (alcaldía do PSOE) cambiaba en abril de 2016 o nome do Colexio Conde de Fenosa, inaugurado en 1973. Sada (Pleno de 29-1-2021) retiráballe o nome dunha avenida e a distinción de Fillo Adoptivo, cos votos a favor de Sada Maioría, BNG, PSOE e Alternativa dos Veciños. Corcubión (alcaldía do PSOE) retiraba a Barrié a distinción de Fillo Adoptivo en xaneiro de 2022.
A Lei de Memoria Democrática (artigo 41.1) retira a Pedro Barrié o título nobiliario de Conde de Fenosa O informe do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, encargado polo concello da Coruña, conclúe que polo seu papel destacado no apoio aos sublevados e na represión de traballadores do Baco Pastor que presidía, deben retirarse os honores concedidos, sinalando a avenida que leva o seu nome, retrato e a distinción de Fillo Predilecto.
Alfonso Molina Brandao. Alcalde na Ditadura (1947-1958). Serviu no exército sublevado de Franco como tenente honorario de enxeñeiros. Entra como concelleiro no Pleno extraordinario do 18 de agosto de 1938, cando se constitúe a nova Xestora Municipal, que preside o alcalde Fernando Álvarez de Sotomayor. Participa na Comisión Permanente de 19 de agosto de 1938 que acorda separar a Luís Vidal Ogén do cargo de Practicante da Beneficencia Municipal, despois do expediente instruído pola Inspección Provincial de Sanidade para depurar a súa “actuación social e política”. Presidente da Cámara da Propiedade da Coruña até 1943, participando en actividades represoras, procesos de depuración laboral, en cumprimento dos decretos da Xunta de Defensa Nacional. Foi unha referencia do franquismo na Coruña e tivo unha estreita relación co ditador e a súa esposa. Como home de palla de Franco, participou no espolio de Meirás, como membro da Junta pro Pazo del Caudillo, e da Casa Cornide.
O informe do Instituto José Cornide considera que se debe retirar a rúa, retrato, monólito en Porta Real e as distincións de Fillo Predilecto e Medalla de Ouro da Coruña.
Sergio Peñamaría de Llano. Fascista de primeira hora, incorpórase como voluntario no exército sublevado en 1936. Participa como tenente da Lexión na represión na comarca de Valdeorras (Ourense) e como fiscal militar nos tribunais contra demócratas e guerrilleiros que loitaron contra a ditadura. Designado alcalde da Coruña (1959-1963).
O Pleno da Coruña de 6 de maio de 2019 aprobaba unha moción instando a alcaldía a que se retiren honras e distincións a alcaldes que participaron na sublevación de 1936, xogaron un papel destacado na represión ou ocuparon postos de responsabilidade na ditadura. O Pleno do Barco de Valdeorras do 3 de outubro de 2019 aprobaba, por unanimidade (PSOE, PP, BNG e Riada Cidadá) unha moción para informar ao concello da Coruña da actuación represiva de Peñamaría nesa comarca. O Pleno do Barco de Valdeorras do 7 de outubro de 2021 aprobaba, novamente por unanimidade, unha moción que sinalaba "crueis e asasinas accións de represión ao servizo da ditadura" e do "sinistro paso de Peñamaría pola comarca de Valdeorras". A moción aprobada "insta ao concello da Coruña a tomar en consideración a proposta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña en orde a substituír a rúa Alcalde Peñamaría de Llano pola de Mártires de Valdeorras".
O informe do Instituto José Cornide pide que se retiren os honores concedidos como a rúa e o retrato.
CONVOCANTES: Defensa do Común, Asociacións Veciñais: Agra Orzán, Gaiteira-Os Castros, IAR-Castrillón, Monte Alto, Cidade Vella, San Cristobal das Viñas-Birloque, Eirís, Labañou, Feáns; CCOO, UGT, CIG, CGT, CUT; A.C. Alexandre Bóveda, O Facho, Amigos dos Museos de Galicia, Proxecto Cárcere, C.S. Gomes Gaioso, A.C. Irmáns Suárez Picallo de Sada, Plataforma en Defensa da ría de Sada-Betanzos, Acampa, AC Vieiros das Mariñas; Roxín Roxal de Paderne, Cultura Aberta de Carral, Eira Vella de Betanzos, Colectivo das Pedras Galladas de Culleredo, Vangarda Obreira, Forum Propolis, Irmandade Moncho Valcarce, Asociación Sociocultural Acéfala, Galiza Nova, Xuventudes Socialistas, Erguer, Sindicato de Estudantes, AELG, ASPG, ADEGA, Ergosfera, ARMH, CRMH, A Mesa pola Normalización Lingüística de Galiza; Alternativa dos Veciños, BNG, Esquerda Unida, Esquerda Revolucionaria, Marea Atlántica, PCG, Podemos, Unión Republicana.
DEVOLUCIÓN POLA FAMILIA FRANCO DE TODO O ROUBADO
RECUPERACIÓN DA CASA CORNIDE PARA O PATRIMONIO PÚBLICO