Os 9 de Cornide | nota de prensa
Absolución para as e os “9 de Cornide”
Galiza, 19 de xullo de 2022. – A Audiencia Provincial da Coruña vén de resolver favorábelmente o recurso presentado polos nove activistas que subiron ao balcón da Casa Cornide, propiedade dos Franco, na Coruña, en 2017, contra a sentenza que os condenaba a un delito leve que levaba aparellado unha multa ou arresto domiciliario. Esta sentenza da Audiencia Provincial da Coruña deixa sen efecto a emitida polo Xulgado de Instrución nº 4 da Coruña.
Así informan por parte das e dos 9 activistas denunciados que amosaron a súa "satisfacción por este fallo xudicial que vén a darnos a razón cando defendimos que esta acción en todo momento foi un acto de libre expresión fronte á inxustiza que supón que os Franco sigan ostentando a propiedade deste ben que debe ser público” explicou Elvira Branco, voceira das persoas denunciadas.
As e os “9 de Cornide” din sentirse “orgullosas e orgullosos pola acción realizada, que serviu para que se puxese o foco nesta cuestión” explican, e, engaden, “seguiremos demandando que a Casa Cornide, ao igual que todos os bens espoliados polo franquismo deben pasar a mans públicas. A Casa Cornide é do pobo galego” concluíu Elvira Branco.