Comercio internacional
Ana Miranda critica os acordos comerciais da UE con América Latina que prexudican Galiza
Compostela, 9 de setembro de 2023. - A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participou hoxe nas xornadas "Por unha Economía Global, Xusta e Sostible" en Compostela, nas que expresou as súas preocupacións sobre os acordos comerciais que a Unión Europea mantén con América Latina e que, segundo ela, están a prexudicar os pequenos e medianos produtores en Galiza. Miranda defende que a protección dos dereitos humanos e a preservación do medio ambiente deben ser o foco central da axenda política.
Nestas xornadas, que coinciden coa reunión do Consello de Ministros de Economía e Finanzas da UE, América Latina e o Caribe, a eurodeputada nacionalista salientou o traballo da Coordinadora Galega de ONGD, que agrupa a 43 ONG galegas comprometidas coa xustiza social e a loita contra as desigualdades globais. No entanto, Miranda criticou que estas entidades non foran convidadas a participar no Consello de Ministros. "No BNG somos moi críticos con reunións que non teñan en conta a sociedade", sinalou.
Ana Miranda explicou que a UE está a piques de concluír un acordo de libre comercio coa rexión do Mercosur, ao mesmo tempo que busca actualizar os seus acordos comerciais con Chile e México. A súa preocupación radica no feito de que estes acordos, na súa opinión, non promoven o desenvolvemento sostible, xa que benefician en gran medida ás grandes empresas agroalimentarias de América Latina e establecen normas máis estritas para os agricultores da UE.
A eurodeputada do Bloque defendeu a necesidade de explorar "formas alternativas de colaboración" que prioricen a protección do clima, a democracia e os dereitos humanos. Miranda subliñou que a UE debe apoiar estas iniciativas cun financiamento adecuado, centrando a súa atención en áreas como a investigación científica, a prevención da evasión fiscal, a igualdade social, a transferencia de tecnoloxía e o acceso a medicamentos.
"Desde o BNG seguiremos de preto as negociacións dos acordos multilaterais con América Latina e o Caribe para asegurarnos de que a protección dos dereitos humanos e do medio ambiente estea no centro da axenda", rematou Ana Miranda.