ensino

O BNG critica a supresión dunha aula e dous docentes no CPI Castro-Baxoi de Miño despois de prometer un novo IES

A deputada do BNG, Mercedes Queixas, recrimina ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, a supresión dunha aula e dous docentes no CPI Castro-Baxoi de Miño despois de prometer en campaña electoral a construción dun novo Instituto de Ensino Secundario e a conversión do CPI nun CEIP. Queixas advirte sobre a chegada de novos alumnos ao longo do curso e pregunta se a intención da educación será redirixir o novo alumnado a outros centros, o que podería levar ao peche do CPI de Miño.
O BNG critica a supresión dunha aula e dous docentes no CPI Castro-Baxoi de Miño despois de prometer un novo IES
Mercedes Queixas dotación docentes e aula no  CPI castro  Baixoi-Miño
Mercedes Queixas dotación docentes e aula no CPI castro Baixoi-Miño

Santiago de Compostela, 13 de setembro, 2023. - A deputada do BNG, Mercedes Queixas, criticou duramente a decisión do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, de suprimir unha aula e dous docentes no CPI Castro-Baxoi de Miño, despois de ter prometido en período electoral a construción dun novo Instituto de Ensino Secundario (IES) e a conversión do CPI nun Centro de Ensino de Infantil e Primaria (CEIP).

Queixas sinalou que a supresión dunha aula e a redución do número de docentes terá un impacto negativo na calidade educativa do centro. A deputada preguntou ao conselleiro se considera que agrupar a 23 nenos de 2 e 3 anos nunha aula con un único docente é a mellor opción en termos educativos, en contraposición ao desdobramento en dous grupos con dous docentes e unha profesora de apoio. Segundo Queixas, tanto os pais e nais como o profesorado e o consello escolar están en acordo en que a segunda opción é a máis adecuada.

A supresión dunha aula tamén afectará a outras áreas do centro, xa que as cinco aulas de Educación Infantil disporán agora dunha única profesora de apoio en lugar de dúas. Isto, segundo Queixas, terá un impacto negativo nos alumnos, especialmente aqueles con necesidades de atención educativa específica.

Mercedes Queixas sinalou que o concello de Miño está a experimentar un importante crecemento demográfico, con 800 persoas máis nos últimos dez anos e unha demanda constante de matriculación ao longo do curso debido á inmigración. Ante esta situación, a deputada preguntou ao conselleiro qué medidas tomará a educación cando comece a chegar novo alumnado ao longo do curso e se superarán as ratios máximas. Temendo que a educación poida redirixir aos novos alumnos a outros centros, Queixas advertiu sobre a posibilidade de pechar progresivamente o CPI de Miño.

Queixas tamén criticou ao conselleiro por utilizar o concello de Miño como unha "papeleta electoral" e mentir deliberadamente sobre a construción do IES e a conversión do CPI nun CEIP durante a campaña electoral. A deputada lamentou que a decisión de Educación supoña un sacrificio da excelencia que existía no CPI Castro-Baxoi de Miño.

O BNG critica a supresión dunha aula e dous docentes no CPI Castro-Baxoi de Miño despois de prometer un novo IES