BNG | nota de prensa
Ana Miranda defende a mediación da Xunta para que non se perda o patrimonio cultural da Casa de Galicia de Montevideo
Montevideo, 16 de marzo de 2022.- A coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, Ana Miranda, critica a indiferencia do goberno galego no desmantelamento da Casa de Galicia de Uruguai e defende a súa mediación para que non se perda o seu patrimonio cultural, entre o que destacan a escultura de Francisco Asorey denominada “A Santiña”, así como obras Colmeiro e Castelao, e fotografías da primeira xunta directiva, celebrada en 1917.
“Tendo en conta que o presidente que levou á ruína a Casa de Galicia foi posto polo goberno galego, o menos que podía facer Feijóo é non ocultarse, dar a cara e evitar que o patrimonio cultural galego de Uruguai desapareza”, salientou Ana Miranda, quen en Montevideo mantivo un encontro con exmembros da Comisión de Cultura de Casa de Galicia, cuxa sede, ao atoparse intervida xudicialmente, vaise pechar definitivamente o vindeiro 31 de marzo. Na reunión transmitíronlle ademais o malestar polo feito de que Feijoo só viaxe a Uruguai en período electoral para pedir o voto e se esqueza deles nun momento tan complicado como o que están vivindo.
A coordinadora de Relacións Internacionais do Bloque tamén se reuniu coa deputada do Frente Amplio, Lucia Etcheverry, membro da Comisión de Sanidade do Parlamento uruguaio. Na reunión explicoulle as diversas iniciativas do Frente Amplio para garantir a continuidade da institución, contemplando tanto a continuidade da asistencia hospitalaria de calidade para os usuarios e usuarias como de mantemento de todos os postos de traballo da institución da colectividade galega.
Perda de emprego
No eido laboral, malia que os arredor de 45.000 socios usuarios e usuarias da Casa de Galicia serán distribuídos entre varias aseguradoras, desde o cadro de persoal expresan o seu temor de que se produza unha considerable perda de postos de traballo, que actualmente suman 3.000 empregos. “Os traballadores e traballadoras están moi preocupados pola súa situación”, sinala Ana Miranda ao respecto.
Por outro lado, nos encontros que mantivo Miranda en Montevideo, os socios e socias da entidade tamén lle trasladaron a súa preocupación pola situación sanitaria, xa que no reparto dos usuarios entre as catro mutuas que se farán cargo deles, unha delas xa anunciou que non atendería ás persoas máis maiores, co problema sanitario e asistencial que iso conleva.