Berro Seco | nota de prensa
Diante da folga do sector do transporte
Rexeitamos a criminalización das mobilizacións que se está levando adiante desde o goberno e diversos medios de comunicación. Esiximos que se respecte o dereito á folga e as mobilizacións por seren dereitos fundamentais e democráticos. Entendemos, tamén, que o Goberno Central e a Xunta deben tomar medidas inmediatas para solucionar os graves problemas que afectan a este sector, por culpa do encarecemento sen precedentes dos combustibles.
Somos conscientes de que este encarecemento afecta a outros sectores cruciais para a sociedade como é a produción de alimentos. Culpabilizar deste encarecemento ao recrudecemento da guerra que se está desenvolvendo na Ucraína desde hai máis de 8 anos é un insulto á intelixencia, xa que o mesmo se vén dando desde antes e afecta a todos os derivados do petróleo, á electricidade, aos abonos agrícolas, aos materiais da minería e a outros derivados do petróleo e do gas, mentres riqueza segue concentrándose cada vez en menos mans.
Desde Berro Seco denunciamos o impacto social que ten o encarecemento da vida, xa que cada día que pasa empobrece mais ás clases populares e pon en risco de pobreza e exclusión social a máis persoas. Os gobernos teñen que abordar esta situación e dar solucións urxentemente.
Entendemos, desde o colectivo, que as insinuacións de usar o exército, que se están facendo desde distintas entornas políticas, son unha aberración e un atentado directo contra os Dereitos e Liberdades. Aproveitamos o presente comunicado para denunciar, unha vez máis, a Lei de Seguridade Nacional que se está tramitando no Congreso por atentar esta contra a Democracia, os Dereitos e as Liberdades, e por ter como fin converterse na ferramenta lexislativa que permita apagar e afogar as lexítimas demandas de sectores sociais e económicos que se atopan no cerne da actual crise enerxética, pasando por encima dos Dereitos e das Liberdades.