Ana Miranda denuncia a baixa eficacia do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia na loita contra a pobreza en Galiza
Bruxelas, 17 de outubro de 2024. A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, formulou unha pregunta á Comisión Europea na que denuncia a escasa contribución do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) para loitar contra a pobreza, especialmente a enerxética, en Galiza. Segundo a deputada, unha de cada catro persoas en Galiza está en risco de pobreza ou exclusión social, o que afecta aproximadamente a 8.000 galegos e galegas, un 2,4% da poboación.
"Sabemos que o 55,2% das persoas con privación material social e severa en Galiza non están nunha situación de pobreza, pero viven con dificultades extremas. Estas cifras son dramáticas e inaceptables", subliñou Miranda. A eurodeputada sinala que colectivos como as persoas pensionistas, nais solteiras, estudantes ou familias con empregos precarios son as que máis dificultades teñen para afrontar os custos da vivenda, xa sexa en alugueiro ou hipoteca.
No Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, Miranda tamén destacou que as cidades de Vigo e A Coruña concentran máis da metade das demandas de vivenda protexida en Galiza, con 5.800 e 3.000 solicitudes respectivamente. "É un dato moi significativo da situación social que estamos vivindo no noso país", indicou a eurodeputada.
Ademais, Miranda lembrou que o Tribunal de Contas Europeo publicou recentemente un informe no que critica a baixa contribución do MRR á transición ecolóxica, recomendando melloras no deseño, execución e gasto vinculado á axenda climática. Neste sentido, a deputada subliña a urxencia de que o MRR garanta mellores resultados na loita contra a pobreza enerxética, especialmente en territorios como Galiza, onde o impacto social é máis evidente.
Ana Miranda conclúe que é imprescindible que a Comisión Europea tome medidas para asegurar que os fondos do MRR cheguen ás persoas máis vulnerables. "Non podemos permitir que o Estado español siga a recibir miles de millóns de euros do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia sen que estes recursos beneficien directamente ás persoas en situación de emerxencia social. É necesario un cambio nos criterios de adxudicación, e que se teña en conta a realidade de Galiza", demandou a eurodeputada do BNG.