BNG | nota de prensa
Ana Miranda: “Denunciamos que queren que Galiza sexa unha “paganini” a cambio de recibir fondos europeos”
O BNG advirte do prexuízo de que os fondos da UE sexan concedidos a cambio de reformas prexudiciais para os galegos e as galegas
Bruxelas, 18 de xuño de 2021. A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, advirte do risco real da denominada “condicionalidade” dos fondos europeos, é dicir, que a súa concesión se realice a cambio de executar reformas que impliquen recortes, como por exemplo o anuncio de cobro das autoestradas no 2022. “No BNG levamos moitos meses denunciando que Galiza é tomada como unha "paganini" a cambio de recibir fondos europeos e resulta un despropósito que primeiro recibamos fondos de Cohesión para mellorar as estradas e despois que nos cobren por elas”, denuncia Miranda.
“Se este goberno estatal é o máis progresista da historia debe ser prudente coas medidas que se van executar pola condicionalidade de Bruxelas, pois xa vimos o que pasou con Gobernos de esquerda como o de Grecia”, apunta a portavoz do Bloque en Europa, quen reitera que resulta “inadmisible que os fondos da UE sexan concedidos a cambio de levar a cambio reformas que unha vez máis prexudiquen aos galegos e galegas”.
Para o BNG, os fondos procedentes da UE nunca foron un agasallo para Galiza, sobre todo tendo en conta o papel activo da UE como responsable do desmantelamento da capacidade produtiva de numerosos sectores básicos da nosa economía e así o ten denunciado contantemente.
Cogobernanza
A respecto da advertencia que lanza a Comisión para que se cumpra a gobernamza na xestión dos fondos, e polo tanto para que Galiza poida xestionar directamente, así como os concellos, Ana Miranda lembra que así o demandou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na reunión que mantivo en Bruxelas o pasado 1 de xuño coa Comisaria de Cohesión e Reformas da UE, Elisa Ferreira.
Precisamente nese encontro Pontón salientou a pertinencia da xestión descentralizada dos fondos, que cheguen ao tecido produtivo real coas PEMES e autónomxs, o trato preferente para Galiza nas partidas de transición enerxética para minimizar o impacto da descarbonización e reforzar servizos públicos e sociais, e que os fondos non se vinculen a ningún tipo de recorte.