BNG | nota de prensa
Ana Miranda: “O veto á pesca decidido pola Comisión Europea é un desastre e ten que ser suspendido urxentemente”
O BNG critica na Eurocámara que non se empregaran informes científicos actualizados e informes do impacto socioeconómico
Estrasburgo, 20 de outubro de 2022. A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu hoxe no pleno da Eurocámara a suspensión urxente do veto á pesca de fondo en 87 caladoiros do Atlántico Norte decidido pola Comisión Europea e que entrou en vigor o pasado 9 de outubro. “A afectación desta medida, máis de 1.000 barcos, 4.000 tripulantes, e a repercusión nas lonxas coa perda de potencial de ventas, é un desastre”, denunciou na súa intervención.
Ana Miranda subliñou que desde o BNG e o propio sector se considera que esta decisión é “desproporcionada e inxusta”, en tanto que con este veto á pesca galega, “centos de tripulantes perderán o seu traballo e parte dos seus salarios, non só nas artes incluídas na pesca de fondo como a flota de palangre do Gran Sol ou a de arrastre do Cantábrico Noroeste, senón tamén a de artes menores da pesca artesanal, con 2.100 afectados neste segmento de frota”.
“Estes días escribíronme Regino e os seus socios, armadores de Burela da frota do pincho afectados pola decisión da Comisión de vetar a pesca de fondo, que non se explican como non se presentaron antes alegacións para ser excluídos desta decisión”, comentou a eurodeputada nacionalista, pondo un exemplo de tantos afectados do sector e pedíndolle que á Comisaria presente que traslade este malestar ao Comisario de Pesca Virginijus Sinkevičius, que finalmente non acudiu á sesión plenaria por razóns de saúde.
“É unha vergonza que as eurodeputadas e eurodeputados da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo aínda non o puideramos ver”, dixo Miranda, quen o día de publicación do novo regulamento, 15 de setembro, solicitoulle unha reunión urxente, que aínda non se produciu.
Risco de sobreexplotación
Na súa argumentación, Miranda sinalou que existe un problema político, en tanto que ao seu xuízo “á Comisión Europea non lle importa a pesca e prefire que haxa peixe importado en troque a acordos comerciais en outras materias”. Pero tamén advertiu que existe un problema medio ambiental e económico. “Desde o Bloque estamos sempre a favor da sustentabilidade medio ambiental, social e económica. Pero con esta decisións vulnerouse o equilibro entre o medio, os recursos dispoñibles e as capacidades de pesca, posto que só se analizou o efecto medio ambiental mais non se tivo en conta o impacto social en zonas altamente dependentes da pesca como é o meu país, Galiza”, sinalou. Ao seu xuízo con esta media provocarase o desprazamento a outros caladoiros coa consecuencia que poden causar sobrepesca.e polo tanto desequilibrio medioambiental.
A eurodeputada do Bloque defendeu que as avaliacións científicas e socioeconómicas deben estar baseadas en informacións precisas, obxectivas e completas. “Non é o que pasou coas consideracións do ditame do ICES do 2021, que non son suficientes para unha medida de tanto impacto ambiental e socioeconómico”, sinalou ao respecto, xa que o propio ICES recoñece que falta a análise de algunhas artes de pesca presentes no caladoiro afectado.
Igualmente, a eurodeputada do BNG critica que non se enviaran os datos a tempo no 2017 e, segundo dixo hoxe a Comisión, aínda non se enviaron por parte do Estado español. Ao respecto considera que a Comisión Europea tiña que ter esperado aos novos informes de 2022 para analizar correctamente e con datos actualidades unha medida desta magnitude.
Neste sentido criticou que a Comisión non faga distinción “entre as artes de arrastres de fondo, a de enmalle e as de palangre de fondo”, tal e como xa comentara na Comisión de Pesca que tivo lugar o pasado 10 de outubro. Lamentou a súa vez que o sector pesqueiro galego “xa sufriu demasiados recortes e desguaces, por decisións políticas que as veces no tiñan nada que ver coa conservación do medio ambiente”. senón con excluíla directamente por ser un serio competidor de outras frotas. “Desde aquí votaremos sempre en contra do veto como fixemos no 2016”, concluíu.