Via Galega | nota de prensa

Vía Galega entrega 6.644 sinaturas, o triplo das necesarias, da ILP pola oficialidade das seleccións deportivas galegas

Representantes de asociacións de todo o país achegáronse ao Parlamento galego para presentar a iniciativa
Vía Galega entrega 6.644 sinaturas, o triplo das necesarias, da ILP pola oficialidade das seleccións deportivas galegas
viagalega_rexistroILP01
Rexistro ILP

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2022.- A Plataforma Vía Galega entregou no Rexistro do Parlamento galego 6.644 sinaturas da Iniciativa Lexislativa Popular da campaña “Polo dereito da Galiza a poder competir oficial e internacionalmente coas súas seleccións deportivas” que contou cunha alta participación e receptividade social nos últimos meses.

O rexistro desta ILP prodúcese despois dunha campaña intensa que percorreu todo o país, acompañada dunha exposición sobre a historia do deporte galego que estivo en máis de 40 localidades, da gravación dun documental, da gravación dun himno a prol das seleccións galegas e dun manifesto polo dereito a competir como seleccións galegas en todos os ámbitos deportivos que obtivo 4.300 sinaturas en que participou xente destacada do deporte galego.

“Agora agardamos que o Parlamento sexa sensíbel e razoábel e que todos os grupos apoien esta proposta”, explicou Anxo Louzao, portavoz de Vía Galega, en declaracións a xornalistas. “Sabemos, polas reunións que tivemos previamente cos grupos parlamentares, que temos o apoio explícito do BNG, o PSOE non se posicionou co primeiro punto pois dixo que era moi complexo competir a nivel oficial e o PP comprometeuse a que ían estudar o tema e dar unha resposta, mais logo de catro meses non a temos; agardemos que reflexionaran profundamente e cando se debata a apoien”, engadiu.

“Esta reivindicación é un dereito que ten que ter todo pobo e toda nación, que tamén nas súas seleccións deportivas se ten que ver representado”, proseguiu. “Queremos amosarnos como nación que somos, queremos competir oficial e internacionalmente en todos os deportes e esixir que se conformen todas as seleccións femininas e masculinas en todos os deportes, para que deportistas cando soben ao podio poidan exhibir a nosa bandeira e escoitar o noso himno”, insistiu Anxo Louzao.

Así, puxo como exemplo que “o noso país acaba de ter uns grandes resultados de deportistas galegos e galegas nas Olimpíadas, porén Galiza estivo ausente, o noso himno non se escoitou e a nosa bandeira non se izou”.

Neste momento entregáronse máis do triplo das sinaturas necesarias para a ILP e a plataforma Vía Galega agarda que sexa aprobada “dada a alta receptividade social e por parte de deportistas que recibiu esta campaña”.

Vía Galega entrega 6.644 sinaturas, o triplo das necesarias, da ILP pola oficialidade das seleccións deportivas galegas