BNG | nota de prensa
O BNG da Coruña embárcase nunha lancha para apoiar o paro da frota artesanal contra un regulamento da UE que ignora as características do noso sector pesqueiro
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, a deputada no Pazo do Hórreo Mercedes Queixas, o voceiro nacionalista en Oleiros, Xurxo Martínez, e o secretario de Organización do BNG da Coruña, Fran Rei, embarcaron esta mañá na lancha Perceberucha para apoiar os barcos da nosa frota artesanal que na entrada da Ría realizaron unha acción de protesta, a se concentrar e a facer soar as súas sirenas, contra o regulamento de control ditado pola UE.
A Coruña, a 14 de maio de 2021. Esta normativa non ten en conta as singularidades da nosa frota artesanal e pretende introducir tecnoloxías –até cámaras a bordo- que non se corresponden nin coas necesidades nin coas características das nosas embarcacións.
“Xa estamos abondo controlados. O que precisamos é que non nos poñan máis atrancos”, comentoulle a Francisco Jorquera o patrón maior da Confraría de Pescadores da Coruña, Felipe Canosa, a cuxa embarcación se achegou a Perceberucha.
O voceiro nacionalista trasladoulle a Canosa o respaldo do BNG ás mobilizacións dun sector sen o cal non se pode entender nin o pasado nin o presente da nosa cidade. “Desde o BNG aspiramos a que a pesca continúe a ser no futuro o motor económico da cidade e desde logo sobran normativas que pexan gravemente o seu desenvolvemento”, alega Jorquera.