ensino
O BNG denuncia os convenios da Xunta con centros que segregan por sexo, ao tempo que reduce os recursos no ensino público
Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2023.- Neste sentido, Fernández criticou o envío de fondos públicos a través de convenios con centros educativos privados que segregan por sexos, e lembrou que Las Acacias e Montecastelo en Vigo, Montesiño en Culleredo e Peñarronda na Coruña son beneficiarios de convenios para os vindeiros 6 anos.
A parlamentaria explicou que o pasado 18 de agosto o DOG publicaba os concertos cos centros docentes privados de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial e de FP, incluíndo os centros mencionados, "centros educativos que segregan ao alumnado por sexo e que mantén os concertos coa Xunta e incrementan mesmo o número de unidades con respecto ao reparto anterior, realizado en 2017, pasando de ter concertadas 46 unidades a 58".
Resulta chamativo, dixo a nacionalista, observar que mentres aumentan as unidades dos centros privados concertados, na ensinanza pública "reduce drasticamente o número de aulas". Nos últimos 14 anos, mentres o goberno do PP segue pagando milleiros de millóns en concertos coa privada, pechaba 187 centros de Infantil e Primaria; 262 unidades de Infantil, Primaria e aulas Mixtas; 257 unidades menos en Secundaria; 156 menos en Bacharelato e 89 menos en educación de adultos.
"Mentres vostedes concertan para 6 anos, os centros públicos están a sufrir os recortes máis drásticos das últimas décadas en profesorado e especialistas para atención á diversidade do alumnado que máis o necesita", afirmou Fernández.
Pero o desvío de fondos, engadiu Cristina Fernández, non ten só esa consecuencia, xa que mentres na ensinanza pública hai que pagar os libros de texto, o material escolar e todos os servizos complementarios de conciliación, acaban de comprometerse 1.900 millóns de euros para os vindeiros 6 anos mediante concertos co ensino privado.
En agosto, a Consellería de Educación indicou que os centros que "anteriormente podían legalmente diferenciar ao alumnado en función do seu xénero pasan agora a adaptarse ao establecido na norma estatal", e os centros educativos que segregan por sexo terán que adaptarse a esta normativa.