autoestradas
O BNG insiste en pór fin á concesión da AP-9
O BNG reclama ao Goberno do Estado atender os intereses dos e das galegas, así como das empresas da Galiza asentadas no Eixo Atlántico, e rematar “canto antes” con unha concesión declarada ilegal pola Unión Europea
Madrid, 4 de marzo de 2023. Após coñecer os beneficios extraordinarios obtidos por AUDASA durante 2022, o Bloque Nacionalista Galego reitera a necesidade de que o Goberno do Estado “actúe canto antes” e finalice a concesión da AP-9. O deputado do BNG, Néstor Rego, explica que, ademais da resolución da Unión Europea que considera que as prórrogas –concedidas por PSOE e PP- non se axustaron á legalidade, esta infraestrutura está “máis que amortizada” e considera “escandaloso” que os galegos e galegas continuemos a pagala. Rego reclama ao Goberno atender os intereses da cidadanía e das empresas da Galiza, e non os intereses dunha empresa privada, participada por fondos voitre, e dar por finalizada a concesión.
Esta semana, a través dos datos presentados remitidos a Comisión Nacional do Mercado de Valores, foron coñecidos os lucros de AUDASA durante 2022 pola concesión da Autoestrada do Atlántico. Uns lucros que se incrementan en máis de 14% a respecto dos anos anteriores pola recuperación do tráfico na AP-9, após dous anos marcados pola restrición da mobilidade durante a pandemia da COVID-19. Segundo os datos fornecidos, AUDASA tivo 66 millóns de beneficios en 2022 mais “os galegos e galegas pagamos case 172 millóns de euros en portaxes que non deberíamos de ter pagado, posto que a AP-9 xa está máis que amortizada”.
De facto, o deputado nacionalista explica que “os galegos e galegas continuamos a pagar portaxes na Autoestrada do Atlántico, 10 anos despois de que debería ter finalizado a concesión, por unha autoestrada que xa está pagada e que unicamente está a favorecer os intereses dunha empresa privada como AUDASA, cuxa matriz -Itínere- está participada por fondos voitre”.
“A Unión Europea considera que as prórrogas -10 anos por un Goberno socialista e 25 por un Goberno do PP- na concesión da AP-9 non se axustaron á legalidade” lembra o deputado do BNG. Polo tanto, continúa a explicar, “hai dez anos, desde 2013, que esta autoestrada tiña que ser