Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia
A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia congratúlase pola creación do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia
Dez membros do Grupo de Participación Infantil e Adolescente da POIG serán nomeados vogais do novo órgano que se constitúe mañá
A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) expresou a súa satisfacción pola creación do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA), que se constituirá mañá na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Dez membros do Grupo de Participación Infantil e Adolescente da POIG serán nomeados vogais deste novo órgano, que ten como obxectivo dar voz aos nenos, nenas e adolescentes da comunidade galega e contribuír ao exercicio do seu dereito á participación social.
O CAIA converteuse nunha realidade grazas á loita de UNICEF e da POIG, quen reivindicaron a súa creación dende hai anos. Este foro colectivo de participación infantil supón un avance na mellora da situación da infancia e adolescencia en Galicia, xa que permitirá visibilizar aos nenos e nenas como suxeitos activos de dereitos, incidir na súa mellora e facer realidade o dereito á participación social.
Ademais dos dez vogais da POIG, o CAIA contará con cinco representantes dos nenos e nenas do Sistema de Protección da Xunta e quince pertencentes aos consellos locais de concellos galegos recoñecidos como Cidades Amigas da Infancia por UNICEF. Todos os vogais deste novo consello autonómico terán idades comprendidas entre os 8 e os 17 anos, e preténdese integrar a nenos e nenas da contorna rural e urbana, así como a usuarios/as de varios colectivos representados mediante as entidades membro da POIG.
Desde a POIG deféndese a importancia de fomentar mecanismos de consulta que sexan realmente participativos para canalizar a opinión da infancia e adolescencia nas decisións que lles afecten. Por iso, aposta pola creación de órganos similares nos concellos, centros educativos e entidades que traballen con nenos, nenas e adolescentes, co fin de potenciar a participación activa da infancia e adolescencia na sociedade.