Voto do exilio
O BNG insta ao goberno a garantir o dereito ao voto das persoas que residen no exterior
Ana Miranda participa en Arxentina na misión oficial de observadores internacionais das eleccións presidenciais
Bos Aires, 25 de outubro de 2019.- A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, insta ao goberno estatal a evitar os múltiples problemas que existiron na xestión do voto exterior, especialmente os referidos á recepción da documentación e as papeletas e garantir así o dereito ao voto. “Estaremos vixiantes de que se garante o dereito ao voto nas mesmas condicións para todas e todos”, subliña desde Bos Aires, onde forma parte dunha delegación de observadores internacionais das eleccións á Presidencia da República Arxentina, que terán lugar este domingo 27 de outubro.
Ana Miranda explica que esas irregularidades denunciadas pola cidadanía nos recentes comicios, como a recepción tarde das papeletas despois de rogar o voto “van contra o denominado Estatuto dos Cidadáns no Exterior, que fai un chamamento á participación política”. “Desde o Bloque pedimos que se garanta o dereito ao voto para todas as persoas no exterior e que poidan exercer o seu dereito como cidadás porque non queremos que se repita a mesma situación”, manifestou a portavoz do BNG en Europa, quen considera que sería “terriblemente lamentable que as irregularidades que existiron na pasada cita electoral non se solucionaran”.
Encontros coa colectividade galega
Durante estes días en Arxentina, a portavoz do BNG en Europa manterá unha intensa axenda, con reunións como as previstas coa colectividade galega, que lle transmiten a súa preocupación non só por poder exercer o seu dereito ao voto, senón tamén pola gravidade da situación económica que vive Arxentina e as consecuencias que ten a elevada inflación na súa vida cotiá
“Desde o BNG preocupámonos pola situación de milleiros de galegos na Arxentina, en especial de pensionistas, que son os máis afectados pola inflación”, denuncia Ana Miranda, quen explica que o Goberno de Macri realizou unhas políticas neoliberais e antisociais que provocaron un aumento da pobreza e da exclusiva social, coa metade da infancia en situación de pobreza. Segundo sinala Miranda, “o presidente amigo de Feijóo, a quen visitou hai uns meses, está obrigando escoller a milleiros de galegos pensionistas entre medicamentos ou alimentarse, xa que o aumento da inflación dende 2018 provocou que subira o prezo da cesta da compra, da electricidade e da auga, nun 50%”.