Memoria histórica
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña pide á conselleira de Medio Ambiente o cese fulminante do xefe de servizo de Conservación da Natureza en Ourense
27 de Outubro de 2019.- A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña entende que é cousa de cadaquén as ideas que defenda, pero tamén entendemos que un cargo público, sobre todo cando é de LIBRE DESIGNACIÓN, non pode posicionarse tan claramente a favor dun bando, neste caso o bando franquista, e polo tanto, en consecuencia pedimos á Conselleira de Medio Ambiente, Dona Ángeles Vázquez Mejuto que o cese inmediatamente.
Velaí vai o texto referenciado:
Estimada señora Conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia:
Discrepamos de vostede cando di que o seu xefe de Servizo de Conservación da Natureza en Ourense, don Juan Gómez Fernández, “é un funcionario de sólida traxectoria”.
Ese Conservador da Natureza ¿subiu ao Alto do Furriolo?, ¿pasou a Ponte de Castrelo de Miño?, ¿virou na Curva Grande de O Rodicio ou en Castro Escuadro de Maceda?, ¿visitou, acaso, a Devesa de Lombao de Bande ou a Corga da Vidueira do Entrimo?. Unha de dúas ou non estivo endexamais neses lugares ou minte descaradamente:
Todos eses son pasaxes da Memoria. En cada unha deses paraxes cometéronse crimes na longa noite de pedra e chumbo da sublevación do franquismo. Se o señor Conservador da Natureza fose un “funcionario de sólida traxectoria” como vostede di, él sabería que a Deputación de Ourense garda os nomes e datos de seiscentas corenta e seis persoas, 646, fusiladas en sesenta e catro municipios, 64, máis de dous terzos do total de concellos da provincia de Ourense.
¿Non lle parece a vostede un escarnio que o seu funcionario conservador da Natureza se atreva estes días a escribir que “los muertos deben descansar en paz” e non teña adicado nin un minuto da súa “sólida traxectoria profesional” a saber qué garda de restos humanos esa Natureza nin movido un dedo para que se recuperen e devolvan aos seus deudos os restos ciscados por gabias e cunetas desde hai máis de oitenta anos?. ¿Os familiares destes asasinados non teñen dereito a enterrar os seus mortos “donde tengan a bien”?. Tal parecería que os ósos do asasino son dunha caste especial “a descansar en paz”.
Estimada señora, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de A Coruña ten como fins:
- Recuperar a Memoria Histórica de Galicia, porque non pode entenderse o presente e construír o futuro se ignoramos o noso pasado.
- Recuperar e divulgar a Memoria Histórica de todos aqueles cidadáns galegos, homes e mulleres, de moi diversas ideoloxías, … leais á IIª República, … que foron asasinados, … foron perseguidos e encarcerados ate o exterminio ou tiveron que padecer a emigración e o exilio, tamén na propia terra …
É por iso que lle exiximos que cese de xeito fulminante ao seu Xefe de Servizo de Conservación da Natureza de Ourense. Aducir que non pode cesalo “por ser funcionario” e incorrer no mesmo xeito de noxentos despropósitos do señor Gómez Fernández a respecto da Memoria Histórica.