BNG | nota de prensa

O BNG leva ao pleno do parlamento a paralización das obras da Vía Ártabra e esixe transparencia

Mercedes Queixas esixe explicacións claras ao goberno de Feixó sobre o acontecido, un plano de actuación para paliar os problemas de tránsito, saber se se van depurar responsabilidades e quen vai asumir o sobrecoste ocasionado.

O BNG leva ao pleno do parlamento a paralización das obras da Vía Ártabra e esixe transparencia
Mercedes Queixas Zas na asemblea local do BNG Coruña a semana pasada
Mercedes Queixas Zas na asemblea local do BNG Coruña a semana pasada

A través dunha iniciativa impulsada pola deputada coruñesa Mercedes Queixas o BNG acaba de dirixirse á mesa do parlamento galego para esixir cunha proposición non de lei que a cámara galega inste á Xunta de Galiza a resolver á maior brevidade posíbel as causas da parálise das obras da Vía Ártabra, reactivando a pleno rendemento as obras nesta vía de comunicación e resolvendo os problemas de tránsito rodado e seguridade viaria provocados pola súa interrupción hai varias semanas.

Diante da perplexidade que se extendeu polo común da opinión pública diante do sucinto anuncio da Xunta de que a sorpresiva suspensión dunhas obras desta magnitude era debida as «ás afeccións das liñas de gas e de media tensión», o BNG reclama en sede parlamentar unhas explicacións claras e exhaustivas por parte do goberno de Feixó ante o conxunto da cidadanía. De aí a decisión dos nacionalistas de levar o tema ao pleno do hemiciclo galego.

“O BNG pregúntase como é posíbel para a Xunta licitar, aprobar e comezar a execución desta fase da Vía Ártabra sen reparar na existencia das liñas de media tensión que dan servizo ao polígono industrial de Bergondo ou de canalizacións da rede gasística que abastece a boa parte da península das Mariñas?” pregúntase Mercedes Queixas, para quen “é urxente coñecer a realidade dos contratempos existentes e planificar con transparencia un plan que axude a aliviar as molestias que se van ocasionar nos vindeiros meses en toda a zona”. A maiores, para a deputada do BNG “é preciso saber se se van depurar responsabilidades dentro da Xunta, se isto vai supoñer algún tipo de penalización para algunha das empresas involucradas no proxecto ou pola contra, imos ter que ser o conxunto de galegas e galegos os que teñamos que pagar o sobrecoste derivado da falta de dilixencia na planificación deste vial”.

Finalmente, e en nome da organización nacionalista, Mercedes Queixas, quixo destacar que “como é sabido o BNG non apoia o trazado escollido para este tramo da Vía Ártabra; polo seu impacto no brañal da Gándara, porque abre a porta á instalación de cabinas de peaxe na AP9 e porque non atende ás necesidades de comunicación, vertebración e cohesión do conxunto da área metropolitana. Pero o BNG é, na rúa e nas institucións, unha forza social responsábel e rigorosa no seu traballo, de ai que esixamos á Xunta xustamente a mínima responsabilidade e rigorosidade no seu traballo, que sostido con fondos públicos, debe reverter no beneficio do conxunto da sociedade”.

O BNG leva ao pleno do parlamento a paralización das obras da Vía Ártabra e esixe transparencia