Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica procura que o Concello e a Deputación da Coruña apoien ao mariñeiro galego retido en Iemen
Pablo Costas, capitán do Cobija, permanece retido xunto cos seus 30 tripulantes desde hai case un ano. Nas últimas semanas están sen comida nin subministros
Esixímoslle ao Ministerio de Exteriores que interceda, tras máis de tres meses de silencio, e á Xunta de Galicia que se sume ás presións para rescatar a estas persoas
A Coruña. 21 de agosto de 2021.- A Marea Atlántica proporá que os próximos plenos da Deputación e o Concello da Coruña amosen, mediante Declaracións Institucionais, o seu apoio ao mariñeiro galego Pablo Costas Villar, retido en Iemen desde hai un ano e reclamen a súa inmediata repatriación. Nas últimas semanas, Costas, capitán do barco Cobija, e os seus 31 tripulantes, non están a recibir comida nin subministros básicos, e ven as súas vidas en perigo.
A nosa proposta solicita, tamén, que o Ministerio de Exteriores responda ás solicitudes de amparo de Pablo Costas e a súa familia, despois de máis de tres meses de silencio. E á Dirección Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia que se pronuncie e interceda para resolver a situación.
A proposta de Declaración Institucional xa foi rexistrada na Deputación da Coruña, e trasladarase tamén ao Concello. Agardamos que haxa acordo unánime entre todos os grupos para denunciar unha enorme inxustiza que pon en perigo as vidas de 32 persoas.
Un ano varados en Iemen
O Cobija, o barco que capitanea Pablo Costas, navegaba con bandeira panameña cando foi rexistrado o 18 de xuño de 2020 por unha patrulleira australiana, que identificou aos tripulantes, comprobou os permisos de pesca e os deixou continuar.
Posteriormente, o barco foi mercado por un armador somalí, e recibiu a orde de atracar no porto de Al Mukalla, en Iemen, para facer o cambio de bandeira. Alí, o 26 de setembro de 2020, Costas recibiu unha orde de detención da Interpol, cursada por Australia, por presunta pesca ilegal, delito que non lle fora notificado na inspección. “Dende entón, o mariñeiro galego atópase dentro da embarcación, retido e nunha situación de total indefensión legal e abandono humanitario, agardando pola resolución da súa causa xudicial, agora suspendida”, di a nosa proposta.
A situación de guerra civil na que se atopa República de Iemen desde 2014 fai imposibles as mínimas garantías legais, deturpando o proceso xudicial. As autoridades locais están a desatender por completo á tripulación do Cobija, ata o punto de que nos últimos días non está a recibir nin víveres nin auga potable. Ante esta situación de emerxencia, o Estado español non pode mirar para outro lado.