BNG | nota de prensa
O BNG propón un plan específico para o sector dos carburantes en Galiza que transforme as refinerías en biorrefinerías
Santiago de Compostela, 24 marzo 2022.- O BNG defendeu no Parlamento Galego unha iniciativa para instar á Xunta a aprobar un plan de actuación, en colaboración do Goberno estatal, encamiñado a acometer unha transición xusta no sector dos carburantes e biocarburantes e incluír dentro do mesmo as medidas necesarias para a transformación das refinerías galegas en biorrefinerías, así como para afrontar a transición cara os biocombustibles de segunda xeración, con materias primas sustentables e procurando sinerxías con outras industrias para a elaboración de subprodutos.
De igual xeito, avogou por apostar polo biocombustible como combustible de transición na mobilidade ata que se consigan os obxectivos marcados de mobilidade eléctrica e o condicionamento do acceso a fondos públicos ou a autorizacións para a instalación de MW ao mantemento do emprego e da actividade industrial.
Así, o portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, enmarcou esta iniciativa na necesidade urxente de acometer unha transición auténtica e xusta, fronte ao que está acontecendo actualmente, “unha transición de ruptura, de crise pura e dura”. Neste sentido, recordou os casos das Pontes e Cerceda, “sen alternativas industriais para os peches das centrais térmicas”, e advertiu que o sector dos carburantes e biocarburantes -con empresas como Repsol na Coruña, Masol Biodiésel en Ferrol ou Vertex Bioenergy en Curtis, que xeran case 1.200 empregos industriais- tamén están directamente afectadas polo proceso de descarbonización.
“A nosa preocupación, compartida polo persoal destas fábricas, é se van seguir os pasos das térmicas, sen que o Goberno galego faga nada, ou os da industria electrointensiva, tamén sen que o Goberno galego faga nada, ou os da industria de compoñentes para o sector eólico, tamén sen que o Goberno galego faga nada”, alertou, para reprobar a continuación tanto a moi mala planificación do Executivo central como a pasividade e inacción do galego.
“Quero lembrar que a única consignación orzamentaria da Xunta para a transición dos concellos das Pontes e Cerceda é unha oficina que, por certo, nin sequera chegou a constituírse, quedando o orzamento sen executar”, reprochou logo de recordar que nos anos de goberno de Núñez Feixóo, Galiza perdeu máis de 12.000 empregos no sector industrial.
Fernández reclamou á Xunta que faga o que xa están facendo os gobernos doutros territorios, “algúns gobernados polo PP”, e, nesta liña, sinalou aos investimentos anunciados por Repsol en Cartaxena e Murcia, ou ao Corredor Vasco do Hidróxeno, no que están representadas máis de 78 entidades, incluída a propia Repsol, a través da súa filial Petronor.
“Como vemos nestes exemplos, as cousas poden facerse doutro xeito e o primeiro, o fundamental, é a vontade política, o proxecto de País”, apelou, logo de convidar ao pasivo Executivo Feixóo a aproveitar as fortalezas galegas que poden servir como vantaxes competitivas. “Contar con tres centros como Repsol, Masol ou Vertex, coas súas infraestruturas e coa súa experiencia, é unha vantaxe competitiva que o Goberno galego ten que preservar e, aínda máis, que debe poñer en valor”.
Pese a estes argumentos, a iniciativa non prosperou polo veto do PP e a abstención do PSOE, polo que o portavoz nacionalista de Industria concluíu que “aquí non hai transición ningunha e isto é culpa dos dous gobernos” e que, para aproveitar as capacidades industriais que si ten Galiza hai que ter “un proxecto de País ambicioso, un proxecto de País para todos e todas, algo que evidentemente non comparte o PP”.