BNG | nota de prensa

Coas súas emendas parciais, o BNG pide incrementar en 92,6 millóns os fondos que os orzamentos da Xunta destinan á nosa cidade e comarca

As emendas foron vetadas polo PP no debate en comisión. Fica aínda pendente a votación do conxunto das contas no Pleno do Parlamento a se realizar o próximo martes 21
Coas súas emendas parciais, o BNG pide incrementar en 92,6 millóns os fondos que os orzamentos da Xunta destinan á nosa cidade e comarca

“A tramitación das emendas en comisión veu demostrar o que xa anticipou o BNG: A Coruña non está no mapa de prioridades do PP”, afirma Mercedes Queixas

A Coruña, a 17 de decembro de 2021. O BNG formulou un total de 24 emendas parciais aos orzamentos da Xunta para 2022 referidas á cidade da Coruña (18) e ao conxunto da comarca (6). De saíren adiante, representarían un incremento de 92,6 millóns euros dos fondos destinados á nosa cidade (57 millóns) e comarca (35,6).

As emendas xa foron debatidas e votadas en comisión no Parlamento galego. O trámite concluirá o próximo martes na votación definitiva dos orzamentos no Pleno.

“Infelizmente, o PP está a vetar as nosas emendas. Ao votalas en contra no debate en comisión, demostran o que xa anticipou o BNG cando se presentaron os orzamentos: A Coruña non está no mapa de prioridades do PP”, avalía a parlamentar do BNG Mercedes Queixas.

“Os denominados orzamentos expansivos máis altos da historia do Goberno galego”, denuncia Queixas, “desatenden a nosa cidade e comarca e penalizan o seu posicionamento no conxunto da economía galega”.

Critica a parlamentar nacionalista que as contas do Goberno galego para 2022 non contemplan o necesario reforzo dos servizos públicos. “Hai necesidades moi claras na cidade e na comarca que se puxeron dramaticamente en evidencia durante a pandemia e ás que estes orzamentos non dan resposta”, dixo, ao tempo que censurou que tampouco hai unha aposta por “un plan de industrialización que terme do emprego e críe valor na cidade e na comarca”.

En contraste, o BNG pedía nunha das súas emendas parciais un incremento de 10 millóns de euros para a partida do Plan Director do CHUAC, ben como 2 millóns para a ampliación do persoal de pediatría dos centros de saúde, 3 millóns para a construción dun centro de día e 8 millóns para reformas e melloras nos centros de ensino. Un Plan de Industrialización Comarcal está orzado en 5 millóns de euros nunha emenda específica do BNG.

A vivenda é outra ausencia clamorosa nos orzamentos da Xunta. As cifras que a Xunta destina a esta materia son “exiguas” e non “están en correspondencia co déficit que arrastramos”, de aí que o BNG propuña nunha emenda inxectar 20 millóns de euros para financiar a construción de vivendas de promoción oficial

E logo está o asunto de o Goberno Galego querer destinar diñeiro público para mercar terreos, os peiraos de Calvo Sotelo e Batería, que xa son públicos. “A mínima defensa do ben común ten que levar calquera persoa a se opor a iso. Nós o que defendemos, por contra, é que os 1,7 millóns de euros orzados para mercar terreos públicos vaian a outro destino”, di Queixas. “O PP instálase na lóxica de aceptar a aldraxe de se nos negar o que si lle concedeu a València, a condonación da débeda portuaria”, denuncia.

Tampouco as e os mariscadores da Ría do Burgo achan amparo nas contas da Xunta para 2022, carentes dunha partida para compensar o cesamento forzoso da súa actividade ao que se verán abocadas durante o tempo (26 meses como mínimo) que duren as obras da dragaxe. É por isto, que o BNG pide nunha emenda que se orcen 1,3 millóns de euros para estas compensacións.

En comisión, o PP vetou tamén emendas do BNG que visaban reforzar proxectos de futuro vertebradores da comarca como é a Cidade das TIC (propúñamos incrementar a partida en 3,5 millóns) ou o inicio da tan demorada Estación Intermodal (1 millón de euros).

De resto, o BNG propuña tamén unha partida de 20 millóns para financiar a gratuidade da AG 55.

RELACIÓN DAS 23 EMENDAS

A Coruña

  1. Incremento partida Plan Director CHUAC……………………..….10.000.000
  2. Dotación COF Ventorrillo………………………………………..……………...250.000
  3. Ampliación persoal CS Novo Mesoiro……………………….………......250.000
  4. Ampliación persoal pediatría Centros Saúde…………….………..2.000.000
  5. Reformas e melloras nos centros do ensino……………………… 8.000.000
  6. Construción Escola Infantil………………………………………………...2.500.000
  7. Incremento ao Consorcio para a Promoción da Música……….900.000
  8. Catalogación e restauración de volumes Circo Artesáns……..100.000
  9. Fundación Luis Seoane……………………………………………………………500.000
  10. Rehabilitación Stgo. Apóstolo (zona en desuso)………..……..1.000.000
  11. Rehabilitación Stgo. Apóstolo (zona ocupada)………………………500.000
  12. Construción Centro de Día………………………………………………..…3.000.000
  13. Incremento Plan Concertado Servizos Sociais……………..…...1.000.000
  14. Incremento Estación Intermodal………………………………….……..1.000.000
  15. Incremento Cidade das TIC……………………………………………...…3.500.000
  16. Fachada Marítima da Coruña (cambio de destino).………...…1.725.669
  17. Construción de vivenda de promoción oficial…………………….20.000.000
  18. Abergue de peregirnos da Coruña………………………………………..2.500.000

Total A Coruña: 57.000.000

Emendas comarcais ou supracomarcais.

  1. Plan contra a ludopatía………………………………………………………..4.000.000
  2. Establecemento Gratuidade AG 55…………………………………...20.000.000
  3. Plan Industrialización Comarcal…………………………………………..5.000.000
  4. Compensación mariscador@s Ría do Burgo……………………..…1.300.000
  5. Posto de control mariscador@s Ría do Burgo……………………...0.300.000
  6. Vía Ártabra (AG-13). Treito AP9-A6…………………………………....5.000.000

Subtotal: 35.600.000 Euros.

Coas súas emendas parciais, o BNG pide incrementar en 92,6 millóns os fondos que os orzamentos da Xunta destinan á nosa cidade e comarca