COGAMI
COGAMI adapta vivendas a través do proxecto RUMBO para mellorar a súa accesibilidade e autonomía
Estas obras, destinadas a mellorar a accesibilidade e a calidade de vida no fogar, incluíron a reforma de baños, automatización de portas e instalación de produtos de apoio personalizados.
As intervencións máis comúns foron a adaptación de baños, onde se substituíu a bañeira por platos de duchas de cota cero, ampliáronse os anchos de paso para facilitar o acceso, realizáronse melloras na distribución dos espazos para mellorar a accesibilidade dos mesmos, así como a instalación de barras de apoio e substitución de pezas adaptadas nos cuartos de baño.
Outras melloras foron de carácter tecnolóxico, como a automatización de portas mediante brazos pneumáticos que permiten a apertura a través de pulsadores, mandos ou aplicacións de móbiles. Outras actuacións incluíron a instalación de salvaescaleiras en vivendas unifamiliares de varios andares e a ampliación de portas nas habitacións. Todas foron levadas a cabo nos concellos de Lugo, A Estrada, Santiago de Compostela, Ordes, Vilagarcía de Arousa, Maside, Ourense, Fisterra, Vigo, Redondela e Pontevedra.
Xunto a estas reformas, o proxecto RUMBO proporcionou tamén produtos de apoio ortopédicos como camas articuladas, cadeiras de rodas manuais e eléctricas, andadores, alzas de inodoro e cadeiras de ducha, adaptados segundo as necesidades específicas de cada persoa. A maiores, utilizáronse impresoras 3D para a creación de produtos de apoio personalizados, facilitando así a independencia e evitando a institucionalización das persoas con discapacidade nos seus propios fogares.
Proxecto RUMBO
Rumbo é un modelo piloto de apoio á autonomía e coidado da persoa. Arrancando no segundo semestre do ano 2022 e cunha duración que se estenderá ata finais de 2024, a través deste proxecto estanse a realizar servizos e actuacións para promover a vida independente na contorna da persoa. Este novo modelo de atención, inclúe o uso de tecnoloxías experimentais, o paso por un período de un ano en dúas quendas de seis meses nas vivendas de transición, a figura profesional de apoio da asistencia persoal, intervencións nas vivendas das propias persoas para facilitarlles a súa estadía, así como a busca de colaboracións entre as administracións públicas para crear unha rede de servizos de apoio integral á vida independente.
Dentro das actividades desenvoltas dentro do proxecto Rumbo, levouse a cabo o asesoramento na busca de aloxamento inclusivo público e privado ás persoas usuarias participantes, e enmarcado dentro disto, realizáronse formacións para a sensibilización dos profesionais das administracións públicas en materia de accesibilidade.
Outra das liñas de actuación do proxecto, enmarcouse coa colaboración da UDC para o desenvolvemento dunha plataforma informática destinada á busca e xestión de vivendas accesibles.
Neste proxecto piloto participan, ademais de COGAMI, outras entidades galegas representativas da discapacidade, como Aspace Galicia, Autismo Galicia e Fegadace, xunto a outras 18 entidades de Andalucía, Aragón, Cataluña e Castela e León vinculadas ás confederacións estatais do Terceiro Sector da discapacidade (COCEMFE, ASPACE, IMPULSA IGUALDAD, DAÑO CEREBRAL ESTATAL e AUTISMO ESPAÑA). Denominado `Rumbo: cara un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva´, este proxecto ten por obxectivo impulsar o deseño de modelos innovadores de apoio á autonomía persoal e á vida independente de persoas con discapacidade, especialmente as que presentan maiores necesidade de apoios. Coa combinación de servizos e recursos pódese facilitar unha forma de vida inclusiva en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar.
Este proxecto está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia do Goberno de España, e ligado aos fondos Next Generation da Unión Europea.