Memoria Celanova | Nota de prensa
Comeza este mércores a escavación da fosa de Celanova onde foron soterrados os 7 asturianos fusilados no cemiterio en setembro de 1939
O 22 de setembro de 1939 sete homes que foran capturados polas tropas franquistas dous anos antes trala caída de Xixón, e sofreran presidio en Camposancos e na prisión central de Celanova: Abelardo Suárez del Busto, 28 anos; Alfonso Moreno Gayol, 26 anos; Baldomero Vigil Escalera Vallejo, 19 anos; Belarmino Álvarez García, 29 anos; Guillermo de Diego Álvarez, 25 anos; Marcelino Fernández García, 21 anos, e Mariano Blanco González, 36 anos, foron fusilados no cemiterio parroquial de Celanova e soterrados alí, nun lugar que permaneceu ignorado até que o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova fixo públicas as actas dos consellos de guerra nos que foron condenados a morte por un tribunal franquista.
Mañá mércores, 23 de novembro, 83 anos, 2 meses e 1 día despois daquela data, o equipo de SÍNCRISIS da Universidade de Santiago de Compostela, encargado en Galiza da localización, exhumación e identificación de vítimas no marco do Plan estatal 2021-2024 de Memoria Democrática, iniciará os traballos de escavación no cemiterio parroquial de Celanova.
Estes traballos comezarán en paralelo aos emprendidos polo equipo nas fosas da Capela (Lugo) e Lousame (A Coruña) e estarán coordinados polo catedrático de historia da USC Lourenzo Fernández Prieto, e polo profesor José Carlos Sánchez (este na parte arqueolóxica). Deste grupo fan parte o antropólogo forense Fernando Serrulla e o xenetista Ánxel Carracedo.
Fernando Serrulla xa visitou este ano en Xixón ás dúas familias de dúas das vítimas para tomar mostrar de ADN. O propio Serrulla participou o pasado mes de xuño nunha xornada de homenaxe a estas familias na que estiveron presentes Josefa, filla de Marcelino Fernández, e as netas de Abelardo Suárez. A empresa que levará a cabo os traballos de escavación é Tiempos Arqueólogos.
Nesta primeira semana de intervención, a previsión do equipo de arqueoloxía é acondicionar o espazo e seleccionar os lugares onde se realizarán as sondaxes iniciais.