A Comisión Europea recalca a importancia da independencia dos medios públicos ante a denuncia do BNG
Estrasburgo, 18 de setembro de 2024- A Comisión Europea vén de responder á pregunta formulada pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, sobre o incumprimento do Regulamento Europeo de Medios de Comunicación na reforma da Lei de Medios que o Partido Popular pretende levar a cabo en Galiza. A vicepresidenta Jourová, en nome da Comisión, subliñou a importancia da "independencia dos medios de comunicación de servizo público".
“Hoxe chega a resposta á pregunta, na que a Comisión Europea dinos alto e claro que debe cumprirse este regulamento de forma que o seu funcionamento para elixir o consello de administración debe ser independente, transparente, aberto e non discriminatorio, non como fai o PP”, destacou Ana Miranda. Este aspecto está recollido no artigo 5 do Regulamento europeo sobre a liberdade dos medios de comunicación.
A eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego comprometeuse a seguir denunciando no Parlamento Europeo os incumprimentos da normativa europea en materia de independencia e pluralidade nos medios públicos galegos, afirmando que estes se converten na "propaganda do Partido Popular". Miranda impulsou este debate en varias ocasións na Comisión de Peticións da Eurocámara.
A resposta da Comisión Europea fai tamén referencia ao Informe sobre o Estado de Dereito de 2024, onde se recollen "reservas relacionadas coa independencia dos medios de comunicación de servizo público a escala rexional", tal e como se destaca no informe do 2024 do instrumento de seguimento do pluralismo nos medios de comunicación (Media Pluralism Monitor).
Inxerencias do PP
Na súa resposta, a vicepresidenta Jourová sinalou que a Comisión seguirá atenta a calquera novidade relacionada coa independencia dos medios. A eurodeputada Ana Miranda pedía que a Comisión Europea verificase o cumprimento do recentemente aprobado Regulamento Europeo de Medios de Comunicación, tendo en conta as múltiples inxerencias do PP nos medios públicos galegos e a falta de pluralidade, denunciada tamén nas protestas dos Venres Negros levadas a cabo polo colectivo Defende a Galega.
Finalmente, a resposta da Comisión exprésase a vontade de tomar en consideración "calquera novidade que lle transmita como eurodeputada galega sobre esa reforma da lei de medios que pretende levar a cabo o Partido Popular”, sinalou Ana Miranda.