Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova | nota de prensa
A Consejería de Presidencia do Goberno de Asturias, na homenaxe que a Memoria de Celanova rende aos 7 milicianos fusilados e soterrados nunha fosa común en 1939
O Goberno de Asturias reafirma así a súa vontade de colaborar co Comité, iniciada en maio pasado a través da Dirección General de Emigración e Memoria Democrática, departamento que dirixe Begoña Serrano -que por enfermidade escusou a súa presenza e delegou no Director General de Administración Local, Manuel Calvo, a representación do Executivo asturiano-, na investigación ao respecto dunha fosa común localizada no cemiterio parroquial da vila e na que poderían atoparse os restos de sete asturianos, fusilados o 22 de setembro de 1939 por un pelotón da Bandera de Falange de Marruecos.
A homenaxe celébrase este próximo sábado, coincidindo co 82 aniversario dos fusilamentos e consistirá nun acto no patio do Instituto Celso Emilio Ferreiro de Celanova, o mesmo patio que foi o da Prisión Central durante a guerra e os primeiros anos da ditadura, e nunha ofrenda floral na fosa identificada polo Comité no cemiterio e sinalada desde maio.
O acto no Instituto será a primeira intervención de memoria histórica nese espazo desde que se fechou a Prisión en 1943. Nel participarán, xunto a Manuel Calvo, a presidenta do Comité, Celia Inés Feijoo Soto, e o Alcalde de Celanova, Antonio Puga. Tamén estarán presentes o Subdelegado do Goberno e outros representantes institucionais e parlamentarios aos que o Comité cursou convite.
Os poetas Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, moi vinculados á memoria histórica do país, porán o ramo este primeiro acto.
Na fosa do cemiterio o Comité realizará unha ofrenda floral e leranse dous inéditos dos poetas Xoán Carlos Domínguez Alberte e Baldo Ramos, membros do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.
O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova desexa que esta homenaxe contribúa a reforzar a colaboración institucional e avanzar na documentación e posíbel exhumación das vítimas, mentres continúa o labor de busca de familiares daqueles 7 homes:
- Baldomero Vigil Escalera Vallejo,
- Marcelino Fernández García,
- Alfonso Moreno Gayol,
- Guillermo de Diego Álvarez,
- Abelardo Suárez del Busto,
- Belarmino Álvarez García
- e Mariano Blanco González.