Martes, 19 de setembro, ás 20.00 no Obelisco
CONVOCATORIA CIDADÁ: Polos dereitos civís e o dereito a decidir
En réxime de autoconvocatoria cidadá, este martes, 19 de setembro, ás 20.00 horas, terá lugar no Obelisco unha concentración en defensa dos dereitos civís e o dereito a decidir, ante os ataques á democracia e a liberdade que o Estado está a cometer para reprimir o referendo en Cataluña.
A loita pos dereitos civís marcou a historia universal desde hai décadas, desde o movemento para estender o acceso pleno aos dereitos da cidadanía negra en EUA nos anos 60, pasando por diferentes fitos históricos que constituíron verdadeiras revolucións
democráticas, ás veces con éxito (en 2014 o movemento feminista tombou a aprobación da Lei Gallardón contra o aborto, en 2016 foron os movementos ecoloxistas quen provocaron a paralización da aprobación da Lei de Acuicultura da Galiza) e outras que derivaron en recortes de dereitos, como foi a aprobación, en 2015, da Lei Mordaza no Estado Español, convertendo en delitos liberdades tales como a de expresión, información ou manifestación.
Hoxe o Estado español impón, baixo o goberno do Partido Popular, a prohibición de que o pobo catalán decida sobre a súa independencia, aplicando medidas represivas e autoritarias en lugar de buscar unha solución política a un conflito no que millóns de cataláns e catalás queren expresarse. A suspensión de actos, a entrada da garda civil en xornais e televisións, as ameazas de responsabilidades penais para centos de alcaldes, alcaldesas e funcionariado público e a requisa de revistas e cartaces, retrotráenos a uns tempos de escuridade democrática, onde moitas persoas perderon a vida na loita polas liberdades que hoxe están sendo esmagadas.
Cremos no dereito a decidir. Os pobos deben ter a capacidade de escoller, non só a súa configuración como Estado independente, senón tamén a facelo sobre a lingua na que queren expresarse, a decidir sobre os sentimentos e os corpos, ás relacións sociais que desexen estabelecer e ao destino dos seus recursos. E cremos que este dereito debe ser exercido baixo ferramentas democráticas, que respostan ás demandas existentes na sociedade
O que aconteza nas próximas semanas é imprevisible, polo que a cidadanía debemos estar alerta e esixir saídas democráticas. O que si é previsible é que, pase o que pase o 1 de outubro en Catalunya, virán procesos de reformas lexislativas que seguirán a liña dos recortes de dereitos civís.
Non podemos ficar caladas nin paradas ante a realidade da imposición do Estado Español das súas ferramentas mais represivas. Cremos que é necesario saír á rúa, todos e todas as que nos sentimos ameazadas na nosa liberdade, individual ou como pobo, mais alá de bandeiras e fronteiras, aquí o que está en xogo é a defensa dos nosos dereitos como cidadanía.
Farémolo pois, o vindeiro martes, 19 de setembro, ás 20:00h na Coruña, no Obelisco, e convidamos a toda a cidadanía crítica, en réxime de autoconvocatoria, a sumarse, mais alá da militancia en organizacións. Podemos unificar un berro a prol dos dereitos civís e o dereito a decidir, en resumo, á liberdade!
En defensa do dereitos civís e o dereito a decidir.