Queren restituír o sistema universal de préstamo suprimido en 2009
Iniciativas do BNG no Parlamento Galego sobre o fondo solidario de libros de texto para o curso 2017-2018
As nacionalistas apostan por restituír o sistema universal de préstamo suprimido en 2009 como hoxe en día están a reclamar as ANPAs
O Bloque propón nas súas iniciativas que o Parlamento inste a Xunta de Galiza a garantir que o sistema de préstamo de libros permita ao alumnado contar con todo o material necesario ao inicio do curso académico así como avanzar nun sistema universal que abranga, alén do conxunto do estudantado, todos os niveis de ensino obrigatorio
A Coruña, 16 de setembro de 2017. O BNG vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galiza sobre o fondo solidario de libros de texto para o curso 2017-2018.
E é que as nacionalistas queren dar o debate no Parlamento a respecto dos prazos establecidos na orde do 16 de maio de 2017, publicada o 22 dese mesmo mes no DOG, da Consellaría de Educación e O.U. onde se xeneralizou o préstamo de libros de texto creado co Fondo solidario ao conxunto ao conxunto do ensino obrigatorio, agás os dous primeiros cursos de Primaria, para o curso lectivo 2017-2018, e onde se estableceu que os prazos fixados pola administración para que as familias coñecerán a listaxe de libros que lles serán emprestados sería dado a coñecer onte, 15 de setembro (4 días despois de se iniciar o curso académico) e, polo tanto, até esa data non se podería facer o encargo daqueles outros que deberán empregarse durante o curso.
“O proceso de tramitación das solicitudes e os actos de xestión das mesmas é, de acordo coa Orde do 16 de maio de 2017, é unha tarefa que corresponde ás direccións dos centros de ensino mais que desenvolven a través dunha aplicación informática fornecida pola Xunta de Galiza que determina, en función da renda familiar, o número de libros que corresponden a cada solicitante. Deste xeito, os prazos previstos poden demorar a adquisición do conxunto do material didáctico até o mes de outubro causando prexuízo ao estudantado que non conte con el durante as primeiras semanas lectivas”, denuncian as nacionalistas.
Con todo, o Bloque lembra que desde o ano 2009 a Consellaría de Educación, en mans do Partido Popular, substituíu o sistema de préstamo universal de libros implantado polo goberno bipartito (2005-2009) por un sistema de cheques axuda dunha contía entre 90 e 190 euros, que progresivamente e que no ano 2014 estas axudas, inicialmente concibidas para a compra de material escolar, foron restrinxidas á adquisición exclusiva de manuais e en 2015, ano electoral, a Xunta iniciou a progresiva implantación dun plan de préstamo semellante ao que suprimira entre enormes críticas en 2009.
Deste xeito o BNG, que aposta por restituír o sistema universal de préstamo suprimido en 2009, como mesmo hoxe en día están a reclamar as ANPAs, quere que a Xunta de Galiza valore o funcionamento do sistema de préstamo de libros baseado no Fondo Solidario e as axudas parciais que prevé, e que se dea conta de que incidencia tivo para as familias galegas con dificultades económicas.
“Queremos que a Consellaría de Educación e O.U. dea conta da contía orzamentaria destinada pola Xunta de Galiza anualmente desde 2009 ás axudas parciais para a adquisición de material escolar e ao Fondo Solidario. E queremos que o Parlamento inste a Xunta de Galiza a garantir que o sistema de préstamo de libros permita ao alumnado contar con todo o material necesario ao inicio do curso académico así como avanzar nun sistema universal que abranga, alén do conxunto do estudantado, todos os niveis de ensino obrigatorio”, conclúen