Fondos europeos
Denuncian a discriminación aos concellos galegos no reparto dos fondos europeos
Entre as consonancias acadadas na reunión destaca que os concellos como administracións públicas máis descentralizadas e apegadas aos ciadadans deberían ser os protagonistas no plan de recuperación económica e de transformación do modelo produtivo, pero en cambio están sendo descriminados pola Xunta no reparto dos fondos europeos.
A Coordinadora compartiu coas representantes da Fegamp a súa visión crítica coa arquitectura dos Fondos Next Generation na Galiza. As representantes da Fegamp confirmaron que nin a Federación Galega de Municipios nin os concellos foron consultados a pesares de ser a institución máis achegada á cidadanía e con mais capacidade de tecer proxectos de resilencia. Até agora, a Fegamp e os concellos están á marxe da toma de decisións en todo o que ten que ver co reparto e xestión destes fondos europeos. Contrastouse a situación coa vivida co Plan E para enfrontar a crise en 2008 no que os concellos, ao contrario do que acontece agora, foron os protagonistas á hora de elixir os proxectos que máis axeitados e logo xestionalos.
“Coincidimos en ver os concellos como a institución máis próxima á cidadanía. Dende a Coordinadora, explicámoslles que a filosofía dos fondos debe estar orientada a realizar un cambio efectivo cara unha economía máis ecolóxica e máis social, que atenda as necesidades básicas da poboación”- asegura Isabel Vilalba Seivane, presidenta do Sindicato Labrégo Galego, en representación da Coordinadora Galega por un reparto Xusto dos Fondos Europeos.
Segundo a Coordinadora a propia Fegam sinalou que un dos aspectos máis discriminadores na planificación dos fondos é a falta de información. “Trátase dun proceso moi complexo e que están recibindo información con contagotas, tanto sobre a regulación e normativa europea que rexerá o reparto, como no desenvolvemento dos investimentos tanto a nivel estatal como autonómico”. Tamén resaltaron a dificultade que entrañaba para os propios concellos, que contan con pouco persoal e sen o apoio de oficinas públicas que lles poidan prestar asesoramento, poder aspirar a desenvolver proxectos cos fondos Next Generation.
Os representantes da Coordinadora criticaron os grandes proxectos tractores que está a defender a Xunta de Galicia. Denunciaron que son proxectos que non contan coa participación dos concellos onde se van realizar, cando os concellos son as institucións que contan con maior información sobre o impacto que poderían ter os proxectos sobre os recursos locais, no territorio e na poboación afectada. Sinalando que ao igual que o resto da sociedade, os gobernos municipais están coñecendo estes grandes proxectos tractores a través dos medios de comunicación -os concellos carecen de información e de canles de participación sobre a xestión dos fondos europeos- a pesares de estar directamente afectados.
A Coordinadora coincide coa declaración institucional da Fegamp na que se reivindica a necesidade de ter en consideración as entidades locais no reparto dos Fondos Europeos para a reconstrución, tendo en conta criterios como a dispersión xeográfica ou o envellecemento da poboación.
“Trasladamos a nosa preocupación por que se faga un reparto inxusto no que só se teñan en conta os intereses dunhas poucas grandes empresas por riba das necesidades sociais máis urxentes coma a sanidade, a recuperación de ecosistemas e biodiverisdade, a educación ou atención a persoas maiores” -declara Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción, en representación da Coordinadora Galega por un reparto Xusto dos Fondos Europeos.
Outra das denuncias foi o paquete lexislativo que está a aprobar a Xunta para facilitarlle a estas grandes empresas os investimentos cos fondos europeos. A Lei de Simplificación Administrativa crea a figura dos proxectos estratéxicos, aos que lles dan carácter supramunicipal, excluíndo así aos concellos na toma de decisións ou da participación nos proxectos aínda que se desenvolvan no seu territorio. Sinalan que isto agrávase polos recortes no persoal administrativo da Xunta dos últimos anos, que xa está a causar retardos nos trámites administrativos, pois a Lei de Simplificación acurta aínda máis os prazos para facer informes de impacto ambiental ou presentar alegacións, por exemplo, facendo imposible o seu cumprimento cun cadro de persoal funcionario tan diminuído. Isto supón un recorte de garantías para a cidadanía.
Dende a Coordinadora para un Reparto Xusto dos Fondos Next Generation defenden a necesidade de transitar cara a un novo modelo social e económico aproveitando os recursos financeiros dos que imos dispor. A planificación dende un punto de vista local -municipal e comarcal- debería ser prioritaria. Sinalan que un bo exemplo disto témolo no modelo residencial para o coidado de persoas maiores, que fracasou dramaticamente durante a pandemia. Deberiamos apostar por residencias que non afasten as persoas usuarias das súas familias, que garantan o contacto co entorno e con escalas máis humanizadas. Outro exemplo é o tratamento de refugallos: “non é o mesmo construír unha macroplanta á que derivar todo o lixo de Galiza, cos altos custes ambientais que iso ten polo transporte masivo que require, que tratar os residuos con proxectos locais, que poden ser mancomunados, a unha escala máis manexable e con procedementos respectuosos co entorno”.
Defenden unha aposta polas producións locais, os circuítos curtos de comercialización, os servizos de calidade dende a propia comunidade, etc. Indican que así esta relocalización da economía tería un efecto revulsivo positivo tanto na creación de emprego como na xeración de riqueza, sostibilidade e resiliencia da nosa sociedade.
A Fegamp e a Coordinadora por un Reparto Xusto dos Fondos Next Generation acordaron manter unha canle de comunicación abertapara trasladarlle as propostas ás alcaldesas e alcaldes de Galiza.