Fondos europeos
A Xunta de Galicia entrega o control dos fondos europeos a empresas amigas de dubidosa reputación
A Coordinadora Galega por un Reparto Xusto dos Fondos Europeos rexeita a constitución da Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia
Denuncia que a Xunta de Galicia esquece a economía produtiva e o reforzo público para ceder o mando á gran empresa especulativa e contaminante
30 de abril de 2021-. Diante do anuncio da constitución da Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia por parte da Xunta, formada por Abanca, Sogama e Reganosa, a Coordinadora Galega por un Reparto Xusto dos Fondos Europeos denuncia que o goberno galego entrega o mando da saída da crise e da xestión dos fondos Next Generation á banca e á gran empresa especulativa e contaminante.
A chegada dos fondos europeos Next Generation supón unha oportunidade tanto para saír da crise como para transitar cara a outro modelo socioeconómico no que a sustentabilidade sexa o eixe rector, mais a opacidade que practica o goberno galego, o desprezo á participación publica e a escolla arbitraria de empresas privadas para xestionar o que é de todos e todas é intolerábel. Cómpre, coa máxima urxencia, que a Xunta aclare cales van ser exactamente as competencias que van ter esas tres empresas amigas.
Para a Coordinadora, a escolla desta forma xurídica non é acertada baixo ningún prisma, por canto debilita o poder do público e dá excesiva representación ao sector privado, esquecendo a representación das persoas traballadoras, das Pemes ou das entidades sociais, amais do desprezo que se está a facer cara ás institucións das galegas e galegos deixando de lado ao Parlamento e aos Concellos.
“Preocúpanos que haxa tanta presenza do sector privado, porque deberiamos apostar pola xestión pública directa dos cartos, como garante da procura do interese xeral. Asemade, a escolla dos tres socios da Xunta é moi preocupante, pois parece apostar por unha elite económica que parasita o público e que representa un modelo insustentábel dende un ollar ambiental”, afirman na Coordinadora.
Tanto Abanca, como Sogama e Reganosa teñen participación da Xunta, mais iso non evita un dominio indecente do sector privado para esta “captación de fondos”. Ademais, a escolla é nefasta, por canto se premia a empresas máis que controvertidas, relacionadas co espolio do público e con modelos de negocio altamente contaminantes.
“Preguntámonos como é posíbel que vaia ser Abanca quen lidere a aposta por un cambio económico-produtivo en Galicia, o resultado da desfeita da fusión das caixas, xa que despois de ser agasallada co 40% do aforro dos galegos e galegas a prezo de saldo”, Abanca foi responsable dunha descapitalización continua do tecido empresarial galego, desfacéndose da súa carteira industrial “para facer caixa”, co custe engadido da perda de empregos. A venda de R a Euskaltel, despois de ter recibido unha enorme cantidade de cartos públicos, é un dos moitos exemplos.
Polo que respecta a Reganosa, na Coordinadora, que xa fixo o pasado 24 de abril unha protesta diante da factoría, denuncian que por unha banda o discurso do goberno galego fala dunha transición enerxética verde e pola outra incorpora a Reganosa a pilotala, empresa instalada ilegal e fraudulentamente na ría de Ferrol e que se adica ao sector do gas fósil, responsábel de elevadas emisións de gases con efecto invernadoiro (GEI).
O trío complétao Sogama, outra das grandes emisoras de GEI en Galicia, cun modelo de xestión de residuos centralizado, desaconsellado por tódolos organismos internacionais, e que ademais prioriza o vertedoiro e a incineración no canto da redución, reutilización e por último reciclaxe. Pero tamen hai que lembrar que Naturgy, a mesma empresa que acaba de deixar a Galicia sen o seu centro de operacións, conta co 49% de participación en Sogama. “Como é posíbel que se lle dea tanto poder a Naturgy cando nin sequera foi quen de garantir unha transición xusta para os afectados polo peche da central de Meirama. Son máis cartos públicos o que quere a eléctrica?”, pregúntanse na Coordinadora.
Para rematar, a Coordinadora Galega por un Reparto Xusto dos Fondos Europeos reafírmase en que bota en falta unha xestión pública e transparente dos fondos. “Todo se está a facer de costas á cidadanía. Así, dificilmente podemos pensar que vaia existir un reparto xusto, que fomente a economía produtiva e que aposte pola loita decidida contra o cambio climático e a perda de biodiversidade”, conclúen.
Coordinadora Galega por un Reparto Xusto dos Fondos Europeos está formada por::A Estruga, Amigos da Terra, Asociación Cultural O Iribio, Asociación Monte Galego, Asociacion Petón do Lobo, Auga limpa Xa!, Comando Ghichas, Ecoloxistas en Acción, FEG, Plataforma Salvemos Catasos, FRUGA, Fundación Montescola, Greenpeace, Instituto Galgo das Terras Comunitarias, Organización Galega de Comunidades de Montes, Opositores Porto-Cabral, Plataforma Salvemos Catasos, Plataforma veciñal mina Touro O Pino non, Rede Galega por un rural vivo, Salvemos a Comarca de Ordes, Sindicato Labrego Galego - Comisións Labregas, Stop Desaucios e Verdegaia